Sergio Alba presentará en Allariz o seu novo espectáculo de humor, Dous rombos… Pasa para a cama, unha proposta na que o pasado e a memoria colectiva se converten no fío condutor dunha noite chea de risas e complicidade co público.
O show parte dunha reflexión moi recoñecible: co paso do tempo tendemos a idealizar as etapas máis temperás da vida.
Sergio Alba leva a Allariz o humor retro de Dous rombos
Mais, xunto ás lembranzas felices, tamén agroman situacións e costumes que hoxe resultan cando menos cuestionables. Sergio Alba opta por afrontalas desde o humor, convidando o público a rir de todo aquilo que formou parte do noso lado máis analóxico.

Durante o espectáculo, o cómico recupera escenas dunha época marcada polos dous rombos na televisión. Unha época na que nos mandaban para a cama antes de que comezase a programación “non apta”. Tamén haberá espazo para lembrar a transición do branco e negro á cor, un cambio que transformou a maneira de ver e entender a realidade case sen que nos decatásemos.
Dous rombos… Pasa para a cama preséntase como un show “retro-activo”, pensado para quen teña gañas de desconectar da rutina dixital e aceptar o reto de botarlle unha ollada ao pasado con ironía e retranca.
A cita será na Casa da Cultura de Allariz o domingo 28 de decembro, ás 19.30 horas. As entradas xa están dispoñibles na propia Casa da Cultura e nos teléfonos 988 44 08 59 e 607 59 20 16, ata o 26 de decembro. A capacidade é limitada.

