O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou esta mañá o Campus de Ourense para coñecer de preto dous dos máis de 30 proxectos de investigación que se están a desenvolver na cidade co financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
A visita contou coa compañía do vicerreitor ourensán, Francisco Javier Rodríguez Rajo.
O subdelegado do Goberno en Ourense destaca o apoio estatal á investigación
Estas iniciativas forman parte do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación, a través do cal o ministerio destinou un total de 654.326.000 euros, distribuídos en catro anualidades entre 2024 e 2027, para apoiar proxectos de xeración de coñecemento e a formación de persoal investigador predoctoral. No caso da Universidade de Vigo, esta acadou financiamento para 22 proxectos de xeración de coñecemento e 13 proxectos destinados a persoal investigador, cunha achega total de 1.627.600 euros para estes últimos.

Durante a súa visita, Eladio Santos coñeceu dous proxectos destacados: un centrado na transformación de residuos de biomasa en biohidróxeno e outro na creación dun sistema de inspección ferroviaria adaptativo e intelixente. O subdelegado subliñou a relevancia de ambos proxectos, poñendo en valor que “están constituídos por equipos que traballan con criterios de sustentabilidade, nun dos casos para o aproveitamento dos recursos existentes, incluso dos residuos, e estando en contacto co tecido empresarial”.
Así mesmo, Santos destacou que estas achegas son unha mostra clara de que “o Goberno de España aposta pola ciencia e a investigación, aportando fondos e financiamento”. Engadiu que “o Goberno confía na ciencia como motor de cambio, progreso e transformación do noso país. Cada investigación e proxecto redunda no benestar da sociedade e fainos máis fortes como país”.