O Tribunal Supremo recoñece a vulneración de dereitos das veciñas e veciños das Conchas polos riscos para a saúde derivados da contaminación do río Limia, unha decisión que, segundo a plataforma Auga Limpa Xa!, afecta ao conxunto da poboación das comarcas limianas.
A sentenza dá a razón á veciñanza que demandou á Xunta de Galicia, á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a varios concellos.
O Supremo recoñece a vulneración de dereitos na Limia
Detrás da iniciativa estiveron organizacións como Amigas da Terra, CECU e ClientEarth, tras unha resolución previa do TSXG que agora reafirma o alto tribunal.

A plataforma esixe que a Xunta e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil executen de inmediato a sentenza e adopten medidas para frear a contaminación en toda a cunca, desde a cabeceira do Limia ata os encoros das Conchas e do Lindoso.
Nitratos e gandaría industrial
A resolución sinala a gandaría industrial como principal foco da contaminación por nitratos. Auga Limpa Xa! reclama que se declaren estas comarcas como Zona Vulnerábel por nitratos para aplicar medidas que melloren as prácticas agrícolas e gandeiras e a xestión dos xurros.
Tamén pide á Consellería de Sanidade un estudo urxente sobre a incidencia dos cancros na Limia para avaliar o impacto real na saúde.
A entidade sostén que, tras a decisión xudicial confirmada en Madrid, a inacción xa non é unha opción. Se se vulnerou o dereito á saúde nas Conchas, conclúe, esa vulneración esténdese ao conxunto da poboación limiá.

