O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense vén de aceptar a medida cautelar urxente solicitada polo alcalde de Manzaneda, Amable Fernández Basalo.
Este xulgado suspende así a tramitación da moción de censura que estaba prevista para mañá mércores.
O PSOE logra frear a moción de censura en Manzaneda por irregularidades
Entende o tribunal que poderían existir causas de nulidade e concede un prazo de tres días ao Concello e ao secretario municipal para presentar alegacións. Advirte que, de non facelo, o auto manterase en vigor sen necesidade dunha nova resolución.

A decisión xudicial chega tras a presentación, por parte do rexedor, dunha solicitude de medidas cautelarísimas pola existencia de supostas “irregularidades” na tramitación da moción presentada o pasado 15 de outubro. Segundo recolle o recurso, o secretario municipal certificou que o documento cumpría cos requisitos legais e que podía convocarse o pleno, mais o alcalde sostén que a validación das sinaturas non se axustou á normativa.
Amable Fernández Basalo asegura que, dos catro concelleiros asinantes da moción, só dous compareceron presencialmente ante o secretario para autenticar as súas firmas. As outras dúas foron testemuñadas sen presenza física nin autenticación notarial. Segundo consta no recurso, o propio secretario tería recoñecido que só dous edís asinaron ante el, o que vulneraría o artigo 197.1 a) da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral, que esixe a autenticación de todas as sinaturas.
O documento xudicial tamén pon de manifesto outras deficiencias formais, como a notificación “defectuosa” da moción. Segundo o recurso, o secretario limitouse a comunicar a convocatoria do pleno sen achegar o texto íntegro da proposta. O alcalde argumenta que esta actuación podería dar lugar a un acto “nulo de pleno dereito”. Isto ocasionaría un “perxuízo irreparable” para o cargo e a institución municipal.
Reacción do PSdG
Desde a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense celebran a decisión do xulgado e consideran que esta vén confirmar que “as irregularidades na presentación da moción eran notorias”. Os socialistas lembran que todas as sinaturas deben ser autenticadas correctamente ante o secretario ou un notario. Aseguran que isto non ocorreu neste caso con dous dos concelleiros asinantes. O partido manifesta que agarda “que os tránsfugas entreguen as súas actas e renuncien aos seus cargos, ou que o PP se retracte do impulso desta moción”.