Noticias

O Torques de Honra 2025 recoñece a traxectoria da Dra. Marita Souto

O Centro de Estudios Chamoso Lamas acordou conceder o Torques de Honra 2025 á Dra. Mª Generosa Souto Figueroa, en recoñecemento á súa brillante traxectoria no ámbito do estudo químico-analítico das augas termais e mineiromedicinais, especialmente as da provincia de Ourense.

A entidade cultural destaca o seu papel clave na posta en valor destas augas como recurso terapéutico, científico e patrimonial.

O Torques de Honra 2025 recoñece a traxectoria da Dra. Marita Souto

Coñecida popularmente como Marita Souto, a galardoada é un referente internacional en hidroloxía médica e termalismo científico, ámbito no que ten desenvolvido unha intensa actividade investigadora e divulgadora.

O Torques de Honra 2025 recoñece a traxectoria da Dra. Marita Souto
Doutora Marita Souto

En febreiro deste ano foi nomeada Académica de Número da Real Academia Europea de Doctores, recoñecemento que reafirma o seu prestixio profesional.

No Carballiño, a doutora Souto Figueroa tamén é lembrada con especial cariño pola súa etapa como directora e docente do IES nº 1 durante a década dos oitenta, onde deixou unha fonda pegada na comunidade educativa local.

O acto público de entrega do Torques de Honra 2025 celebrarase o sábado 13 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Carballiño, e estará aberto a toda a veciñanza.

Un galardón con historia

Creado no ano 2008, o Torques de Honra é un premio bienal co que o Centro de Estudios Chamoso Lamas distingue a persoas e entidades que destacan pola súa contribución á conservación, recuperación e divulgación do patrimonio histórico e cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro.

Ao longo da súa traxectoria, o recoñecemento foi outorgado a destacadas figuras como Manuel Vázquez Fernández, Felipe Senén López Gómez, Olimpo Liste e Josefina Fernández, Fray Damián Yáñez Neira, Manuel Gallego Jorreto, ou institucións como o Museo Etnolóxico de Ribadavia, os Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense e o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, galardoado na edición de 2023.

Coa elección da Dra. Mª Generosa Souto Figueroa, o Centro de Estudios Chamoso Lamas pon de relevo a relevancia científica do termalismo galego e a súa vinculación co patrimonio natural e cultural da provincia de Ourense.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.