O campus de Ourense da Universidade de Vigo acolle os días 6 e 7 de maio as II Xornadas de Traballo Social Ecosocial.
Estas xornadas están centradas na defensa do territorio e a creación de comunidades sostibles.
II Xornadas de Traballo Social Ecosocial en Ourense
A Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo organiza, os días 6 e 7 de maio de 2025, as II Xornadas de Traballo Social Ecosocial, baixo o lema “Defensa do territorio e comunidades sostibles”. O evento celebrarase no Salón Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro do campus de Ourense. Estas xornadas contarán coa participación de especialistas de diferentes disciplinas e territorios.
O programa arrinca o martes 6 ás 16.00 h cun acto de benvida no que intervirán representantes do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia e da propia Universidade. Entre os temas a tratar están a responsabilidade do traballo social ante os desafíos ecosociais. Tamén se tratará o impacto dos proxectos industriais nas comunidades e no medio ambiente, ou as plataformas veciñais como formas de resistencia e organización comunitaria.

A tarde do martes incluirá a mesa poética “Poesía para a Terra”, coa intervención da bióloga e escritora Álea Figueroa. Tamén se realizará un faladoiro titulado “Non somos terra de sacrificio”, coa participación de activistas de plataformas como Ulloa Viva, Mina de Touro-O Pino Non ou Stop Eólicos Xurés-Celanova. Pechará a xornada un diálogo sobre o papel do traballo social na defensa do territorio.
O mércores 7 centrarase na exposición de experiencias comunitarias de traballo social ecosocial con grupos que abordan temáticas como a sexualidade, a economía solidaria ou a agroecoloxía. O día pecharase cunha mesa sobre soberanía enerxética e transición xusta, con intervencións do ámbito universitario e da administración pública.
Como actividade complementaria, o día 8 ás 20.00 h proxectarase o documental A Luita Final no Cineclube Padre Feijoo. A continuación da proxección terá lugar un coloquio coa directora e integrantes da Plataforma Ulloa Viva.
As xornadas buscan fortalecer o traballo social ecosocial, promover o diálogo colectivo e establecer alianzas para construír comunidades máis resilientes. A actividade está aberta a estudantes, profesionais e público en xeral.