O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense rexeitou as medidas cautelares solicitadas pola asociación de comerciantes da Praza de Abastos número 1, que pretendía frear o acordo municipal que os obriga a iniciar o traslado desde a Alameda ao edificio rehabilitado.
No auto, recibido hoxe polo Concello, queda claro que non existe “prexuízo irreparable ou de difícil reparación” que xustifique a suspensión cautelar.
O Concello gaña a primeira batalla xudicial polo traslado da Praza
A decisión xudicial lembra que non se ordena un desaloxo inmediato, senón a presentación dun plan de distribución para a nova sede, tal e como establece o acordo aprobado pola Xunta de Goberno Local o 10 de abril.

Ese acordo concedía un prazo de tres meses para presentar o proxecto de adaptación do espazo interior, que debe contar co visto bo municipal. As eivas detectadas deberían corrixirse nun máximo de dous meses e, unha vez aprobado, os comerciantes disporían de seis meses para executar as obras.
Interese público fronte a intereses privados
Na súa resolución, o Xulgado subliña que existe “un interese público evidente” no proceso. Lembra que os comerciantes ocupan actualmente un parque público e que o edificio remodelado permanece baleiro, situación que ademais fai correr o prazo de garantía das obras “en prexuízo de todas as partes”.
O Concello avanza no proceso
Tras coñecer o auto, o goberno municipal anunciou que continuará co procedemento administrativo “para garantir o cumprimento do convenio asinado no seu día”. Así mesmo, empraza aos comerciantes a dar os pasos necesarios para o seu regreso ao inmoble rehabilitado.