Noticias

A Serra do Larouco presume das súas turbeiras con nova catalogación

A Serra do Larouco sumará un novo fito este verán coa presentación oficial dun dos seus tesouros ambientais máis valiosos: as turbeiras, recentemente incluídas no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia.

Esta actividade, enmarcada no ciclo Os meses do Larouco, terá lugar o domingo 22 de xuño e contará coa participación de dous profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), responsables do estudo que avalou a importancia destes ecosistemas únicos.

A Serra do Larouco presume das súas turbeiras con nova catalogación

Os docentes Xabier Pontevedra-Pombal, do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, e Marcos Valcárcel, do Departamento de Xeografía, conducirán unha andaina guiada polas turbeiras localizadas preto da raia, entre Coto Farelo e Outeiro da Mina, así como unha conferencia divulgativa no Centro Social de Baltar. Este humidal únese así ao Inventario de 2024 xunto cos espazos de Baldriz (Cualedro) e Lagoa Grande (Bande).

A xornada comezará ás 09.30 h, cun punto de encontro no Bar O Cepo (Baltar), desde onde se partirá en coche ata o despegue Norte de parapente. A partir de aí, farase unha camiñada de aproximadamente unha hora. Ás 13.15 h, no Centro Social, terá lugar unha charla explicativa sobre o valor ambiental das turbeiras, con entrada libre e sen necesidade de inscrición.

As turbeiras son ecosistemas húmidos formadores de turba que almacenan capas vexetais ao longo do tempo, funcionando como arquivos naturais do clima e a biodiversidade. Segundo os expertos, trátase dunha das principais defensas naturais contra o quecemento global, sendo cruciais para a regulación da auga doce e a conservación da biodiversidade.

A Serra do Larouco presume das súas turbeiras con nova catalogaciónFoto
Foto: Xurés Celanova Plataforma (2022)

Un espazo sen protección

Na súa vertente portuguesa a Serra do Larouco goza de protección ambiental como biotopo CORINE e parte do Parque Nacional de Peneda-Gerês. No lado galego continúa excluída de figuras como parques naturais ou a Rede Natura 2000. Isto, malia a súa notable diversidade biolóxica e a existencia de ecosistemas fráxiles como estas turbeiras de montaña, especialmente vulnerables ao cambio climático.

A actividade está organizada pola plataforma Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova e o Club Parapente Baltar. Esta conferencia forma parte dun ciclo de accións estivais que tamén busca poñer en valor o patrimonio natural da serra. Este está agora ameazado pola súa inclusión nunha Área de Desenvolvemento Eólico (ADE), a pesar da paralización de tres proxectos de macropolígonos hai dous anos.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.