Galicia reforza o seu posicionamento como destino referente no turismo deportivo, activo e de natureza, e afronta agora o reto de avanzar nun modelo máis sostible e accesible.
Este foi o eixo central do primeiro bloque do VI Congreso Internacional sobre Turismo e Deporte – Sportur Galicia, inaugurado esta mañá en Expourense e no que participan unha vintena de expertos de España e Portugal.
Ourense impulsa o turismo deportivo e accesible en Sportur Galicia
O encontro, que remata mañá ao mediodía, reúne profesionais e alumnado de FP vencellado ao turismo e ao deporte.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou na apertura a relación entre a lonxevidade da provincia e o carácter activo da súa poboación. Tamén lembrou o valor do turismo deportivo para fixar poboación e xerar riqueza no rural.
Pola súa banda, o deputado provincial de Enerxía e Medio Ambiente, José María Cabo, definiu Ourense como “o mellor pavillón deportivo natural” e salientou o investimento da Deputación en infraestruturas para atraer deportistas e familias que buscan ocio activo.
O bloque sobre turismo accesible reuniu especialistas de entidades como Fundación ENKI, Portugal Accesible, Koan Consulting, Galicia Destino Sostible e AGETAN. Todos coincidiron na necesidade de máis formación en accesibilidade e de políticas que garantan que todas as persoas poidan desfrutar da experiencia turística. No apartado de sostibilidade, incidíuse en que a protección da contorna é imprescindible para manter a calidade das actividades deportivas.
O congreso estrutúrase en tres áreas: turismo activo accesible; financiamento deportivo; e o Foro de Concellos Activos, con presentación de casos prácticos. Esta tarde continúa o bloque sobre captación de patrocinios, con participación de EME Sports, Veolia Agua e a Fundación Amare Terra.
A xornada de mañá centrarase nos concellos que apostan por políticas de promoción do movemento e do deporte como ferramenta de saúde e dinamización. Inclúe intervencións da Fundación Deporte Galego, a Deputación de Ourense, o Concello de Abegondo e Atlas Sport Consulting, así como o caso de éxito de Benicarló.
Campus Rural
Xunto ao programa congresual, Expourense alberga unha área expositiva con entidades públicas e privadas vinculadas ao turismo activo e ao deporte. Este evento acolleu hoxe unha sesión informativa do programa estatal Campus Rural para favorecer prácticas universitarias no medio rural.
A celebración do congreso coincide coa instalación da pista curta de atletismo cuberta para a tempada 2025/26. Esta incluirá unha trintena de probas, entre elas o Campionato do Mundo VIRTUS de Atletismo Adaptado en marzo de 2026. Aproveitando esta infraestrutura, hoxe celebrouse a primeira xornada Xogade de atletismo con 500 escolares; mañá participará alumnado de Secundaria.

