O Concello de Barbadás celebra o V Paseo da Saúde o venres 19 de setembro, unha cita consolidada que reúne máis de vinte asociacións e entidades sociais da provincia.
A iniciativa, única en Ourense, busca dar visibilidade ao labor destas organizacións que acompañan, asesoran e atenden ás persoas máis vulnerables.
Barbadás impulsa o V Paseo da Saúde con máis de vinte entidades
Na presentación do evento, o alcalde Xosé Carlos Valcárcel destacou que o Paseo é unha oportunidade para recoñecer o esforzo das asociacións. “Moitas veces sodes as grandes esquecidas e por iso o voso traballo merece ser visibilizado” sinalou Valcárcel.

Pola súa parte, a concelleira de Servizos Sociais, Saúde e Igualdade, Elisabet González, avanzou que a xornada contará con información útil, obradoiros prácticos e actividades didácticas para todas as idades. Os stands estarán situados na avenida de Celanova, arredor da rotonda da Familia, en horario de mañá e tarde.
Este ano incorpóranse Cruz Vermella, Alcohólicos Anónimos e Solidaridad Intergeneracional. Estas sumánse a entidades como Afaor, Alcer, AECC Ourense, Autismo Ourense, Fundación Neuroburgas, Grupo Social ONCE, Garda Civil e Protección Civil de Barbadás, entre outras.
Visibilidade para as patoloxías esquecidas
Representantes das asociacións puxeron en valor a iniciativa municipal e lembraron a importancia de non dar as costas a quen padece enfermidades pouco recoñecidas. Eva Penín, de Asgacop, denunciou o peche da unidade de covid persistente en Ourense e agradeceu o apoio do Concello, primeiro en solicitar a súa reapertura.
Primeiros auxilios e doazón de sangue
O programa tamén inclúe demostracións de primeiros auxilios a cargo de Protección Civil, dirixidas ao alumnado e á veciñanza. Ademais, haberá unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue para fomentar a solidariedade cidadá.
A Garda Civil aproveitará o Paseo para difundir a súa colaboración coa saúde pública e convidar á poboación a participar na II Carreira Solidaria, o 5 de outubro, a favor dos enfermos renais. Pola tarde, as persoas asistentes poderán compartir unha merenda saudable grazas á colaboración da Cova do Sabio.
O V Paseo da Saúde de Barbadás confirma así o seu crecemento e reafirma o compromiso municipal coa promoción da saúde, a prevención e o recoñecemento ao labor das entidades sociais.