O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, deu esta mañá a benvida no salón de plenos do Concello a trece nenas e nenos saharauís que pasarán o verán na provincia, acollidos por familias ourensás e doutras localidades.
A súa estadía enmárcase no proxecto Vacacións en Paz, impulsado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS).
Ourense recibe a trece nenos saharauís no programa ‘Vacacións en Paz’
O programa permite que menores procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Alxeria, desfruten dunhas semanas afastados das extremas condicións do deserto, accedan a revisións médicas e a unha alimentación equilibrada, e participen nun enriquecedor intercambio cultural.

Este verán son 25 os nenos e nenas que chegan á provincia grazas á solidariedade das familias acolledoras. No acto de recepción tamén estiveron presentes representantes de SOGAPS e das persoas que lles abriron as portas dos seus fogares.