Noticias

Valcárcel acusa a Besteiro de manobra maquiavélica e rexeita dimitir

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, cargou este martes contra o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, ao que acusou de levar a cabo unha manobra maquiavélica e asegurou que non vou ser eu quen asuma as súas responsabilidades.

Así o trasladou nun comunicado íntegro no que responde á petición de dimisión realizada pola dirección galega do partido tras coñecerse a existencia dunha denuncia interna por presunto acoso.

Valcárcel acusa a Besteiro de manobra maquiavélica e rexeita dimitir

Segundo explica Valcárcel, tivo coñecemento da denuncia de maneira indirecta e fragmentaria, primeiro a través dunha chamada do secretario xeral provincial, Álvaro Vila, e posteriormente polos medios de comunicación e unha rolda de prensa de Besteiro. O rexedor sostén que ninguén lle trasladou formalmente o contido da denuncia, nin verbal nin por escrito, antes de reclamarse publicamente a súa dimisión.

Valcárcel acusa a Besteiro de manobra maquiavélica e rexeita dimitir
Xosé Carlos Valcárcel Doval

No texto, o alcalde afirma que existe unha “estrana sincronización” entre a presentación da denuncia, a filtración á prensa e a petición de dimisión. Ao seu xuízo, busca xerar unha sombra de sospeita sobre quen esixe responsabilidades á dirección do partido. “Eu asumirei as miñas sen vacilar se fose o caso, pero este non é o caso”, subliña.

Valcárcel nega de forma rotunda ser autor de ningún tipo de acoso, laboral ou doutro tipo. Asegura que, de existir a denuncia, quere afrontala en primeira persoa, con transparencia e dando explicacións, unha vez coñeza o seu contido. Nese contexto, anuncia que solicitou a baixa no PSdeG, unha decisión que cualifica de dolorosa.

Un caso de fai un ano

O alcalde relaciona a situación cun caso de acoso sexual ocorrido no Concello de Barbadás hai máis dun ano, no que, segundo lembra, actuou con rapidez esixindo a dimisión do concelleiro implicado. Fronte a iso, contrapón a actuación de Besteiro noutro caso, ao que reprocha ter tardado meses en tomar medidas. Para Valcárcel, esta diferenza evidencia “quen actúa con integridade e quen tenta ocultar a súa neglixencia”.

O comunicado conclúe coa advertencia de que irá facendo pública toda a información que vaia coñecendo “coa máxima transparencia”. Este mércores ás 10.30 horas está prevista unha rolda de prensa para dar conta do tratado na executiva provincial do PSdeG de Ourense.

COMUNICADO ÍNTEGRO DE XOSÉ CARLOS VÁLCARCEL:

«Empezo relatando a secuencia de ocorrido hoxe, porque me parece relevante:

1. Onte pola noite recibín unha chamada do secretario xeral de Ourense, Álvaro Vila, na que me dixo, de forma imprecisa e ambigua, que unha militante tiña presentado unha denuncia contra min por un presunto delito de acoso, sen máis.

2. Hoxe, por boca do secretario xeral de Galicia nunha rolda de prensa, souben que a denuncia se presentara precisamente onte mesmo.

3. Antes diso, cando me dirixía esta mañá a unha reunión da FEGAMP en Santiago, recibo a chamada dun xornalista, que me traslada o mesmo: que alguén lle filtrara que había unha denuncia presentada contra min por acoso…, pero el engade unha información nova para min: que se trataba dunha denuncia por acoso laboral. Mentres, a min, o secretario xeral de Ourense seguía sen darme explicación algunha.

4. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, pide a miña dimisión nunha rolda de prensa, nun extraño exercicio de sincronización entre a denuncia, a filtración á prensa e a petición de dimisión, sen ter eu coñecemento verbal nin por escrito da denuncia, nin por suposto terme escoitado.

5. Dito isto, se Besteiro pretende que dimita por él, non o vou facer. Se o que quere é extender unha dúbida de sospeita sobre quenes lle esiximos responsabilidades, coido que se equivoca tamén. Eu asumirei as miñas sen vacilar se me vira no caso de ter que facelo pero, insisto, este non é o caso. E dende logo, non vou ser eu quen asuma as súas. Mentres anto, sigo esixíndolle as mesmas responsabilidades que lle esixín cando firmei o manifesto, no que me reafirmo, agora máis se cabe.

6. Coido que pretende tapar os seus problemas e a súa nefasta xestión no caso de acoso sexual denunciado nos últimos días cunha estratexia de tinta de calamar.

E agora paso a explicarme sobre o caso concreto.

7. Antes de nada quero deixar claro que é absolutamente falso que eu sexa un acosador laboral. Négoo radical e tallantemente; e por suposto tampouco un acosador de ningunha outra índole, como creo que torticeiramente se pretendía dar a entender coa filtración desta denuncia precisamente agora, no contexto no que nos atopamos.

8. De existir a denuncia, pois non teño coñecemento detallado da mesma, quero afrontala en primeira persoa, dando a cara, sen subterfuxios, e dando todas as explicacións, pero antes teño que coñecela. Por iso, pedín a baixa no meu partido de toda a vida, con enorme dor.

9. Esta tarde, por fin, estiven reunido co secretario xeral de Ourense para pedirlle o traslado da denuncia, que siguen sen facilitarme.

10. En calquera caso, a partir de agora vou a ser, como acostumo, absolutamente transparente conforme vaia coñecendo o contido da denuncia, xa que ata o de agora só a coñezo de maneira parcial.

11. Unha vez teña máis información, seguirei trasladándoa con toda a transparencia coa que actúo sempre, que é exactamente a que reclamei á dirección galega do meu partido no manifesto que asinei a semana pasada.

12. Sospeito, polo que dixo o propio Gómez Besteiro hoxe e me deu a entender Alvaro Vila, que todo esto pode ter que ver cun caso de acoso sexual que, desgraciadamente, si vivimos no noso Concello fai máis dun ano, sufrido por unha concelleira por parte de outro concelleiro. Naquela ocasión, tras ter coñecemento da situación, reuninme coa afectada, á que lle din total credibilidade, e co acusado, ao que lle esixín a dimisión e a entrega da acta. Así o fixo.

13. A compañeira concelleira sigue sendo hoxe concelleira con adicación exclusiva.

14. Coido que Besteiro, en vez de pedir a miña dimisión, debería obrar do mesmo xeito que eu daquela, con firmeza e rapidez. En apenas unha semana, o concelleiro foi afastado do goberno, de todos os órganos de goberno e, Besteiro, no caso de Lugo, tardou dous meses en actuar e o presunto acosador segue sendo deputado provincial e alcalde de Monforte.

15. Esa é a gran diferenza entre quen actúa con integridade e quen maniobra maquiavélicamente para ocultar a súa propia neglixencia. E faino sen importarlle os danos colaterais e as consecuencias, tamén persoais, que os seus actos conlevan.»

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.