Noticias

Xosé Carlos Valcárcel nega o acoso e defende a súa actuación

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, negou de forma rotunda calquera acusación de acoso, encubrimento ou coaccións e defendeu a súa xestión dun presunto caso de acoso sexual ocorrido no seo do Concello no verán de 2024.

Fíxoo a través dun comunicado público dirixido á veciñanza, no que pediu desculpas pola situación xerada e recoñeceu que “seguro que o podía ter xestionado mellor”.

Xosé Carlos Valcárcel nega o acoso e defende a súa actuación

Valcárcel explicou que tivo coñecemento do presunto acoso sexual a comezos de agosto de 2024 por medio doutras concelleiras do goberno local, e non directamente pola vítima.

Xosé Carlos Valcárcel nega o acoso e defende a súa actuación
Foto: Concello de Barbadás

Segundo relata, tras reunirse coa persoa afectada e coa entón tenente de alcalde, tomou a decisión de esixir a dimisión inmediata do concelleiro implicado, que se fixo efectiva o 19 de agosto de 2024, coa entrega da acta.

O rexedor sinala que esa decisión tiña dous obxectivos claros: afastar o acusado do entorno da presunta vítima e garantir a gobernabilidade municipal, xa que un cesamento non implicaría automaticamente a renuncia á acta de concelleiro. Unha vez acadados eses obxectivos, asegura que deu o asunto por resolto, respectando a intimidade e a vontade da afectada.

No comunicado, Valcárcel xustifica que non fixese público o caso ao considerar que “era a ela a quen lle correspondía facelo se o consideraba necesario”, unha postura que, segundo indica, tamén mantiveron o resto das concelleiras que coñeceron os feitos antes ca el.

“A única verdade é que todo é rotundamente falso”

A situación reactivouse, segundo o alcalde, o pasado 16 de decembro, cando foi acusado primeiro de acoso, logo de acoso laboral e finalmente de encubrir un caso de acoso sexual. No último pleno, afirma, as concelleiras dimitidas apuntaron a unhas supostas coaccións, extremo que Valcárcel tamén nega con contundencia: “A única verdade é que todo é rotundamente falso”.

O alcalde recoñece que só contactou coa vítima nunha ocasión durante a súa baixa laboral para pedirlle que asistise a un pleno por ser necesario o seu voto, algo que enmarca dentro das obrigas legais dun cargo electo. “Todo o que fixen foi co ánimo de non invadir a súa intimidade”, sinala.

Valcárcel tamén rexeita as acusacións de acoso laboral, asegurando que ningunha das concelleiras viu recortadas as súas competencias, dedicacións ou funcións durante este tempo. Incluso lembra que se acaba de aprobar unha nova dedicación exclusiva con efectos desde xaneiro de 2026 para unha edil incorporada tras a dimisión do concelleiro implicado.

No plano político, o rexedor afirma que el e outros dous concelleiros decidiron seguir gobernando Barbadás pese ás dimisións, apelando ao mandato recibido nas urnas. “O que decidiron 2.500 veciños e veciñas non o poden cambiar cinco persoas”, sostén, ao tempo que se amosa aberto ao diálogo con todos os membros da Corporación.

Finalmente, Valcárcel asegura estar a vivir a situación como “un duro golpe emocional”, aínda que di sentirse respaldado pola veciñanza e por antigos compañeiros de partido. O alcalde pecha o comunicado reiterando as súas desculpas á cidadanía e reafirmando o seu compromiso de seguir adiante cos proxectos en marcha en Barbadás.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.