A Asociación Española Contra o Cancro en Ourense presentou un novo vehículo de intervención domiciliaria.
O vehículo foi adquirido grazas á subvención nominativa concedida polo Concello de Ourense para desenvolver o programa “Atención psicosocial a familias con persoas maiores con cancro ao seu cargo en fase paliativa”.
A Asociación Contra o Cancro presenta novo vehículo
No acto participaron o presidente da entidade en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, o alcalde Gonzalo Pérez Jácome e a concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva, ademais de profesionais e voluntariado da organización.

O novo recurso permitirá reforzar a atención no domicilio ás persoas con cancro en fase paliativa e ás súas familias, facilitando os desprazamentos do equipo profesional encargado de realizar valoración social, intervención psicolóxica, apoio emocional e formación ás persoas coidadoras.
Segundo destacou o presidente da entidade, “este coche representa a proximidade e o compromiso coa cidadanía, permitindo que o noso equipo poida estar ao carón das persoas que máis nos necesitan no momento máis delicado das súas vidas”.
A entidade agradeceu ao Concello de Ourense o seu apoio, que permitirá ampliar a cobertura territorial e chegar a máis familias que precisan atención especializada no fogar.

