Noticias

Verín Pádel Indoor doa 3.779,74 euros á AECC co seu III Torneo Solidario

O club Verín Pádel Indoor reafirma o seu compromiso coa loita contra o cancro cunha doazón de 3.779,74 euros á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense.

Esta cantidade recadouse durante a terceira edición do seu Torneo Solidario de Pádel.

Verín Pádel Indoor doa 3.779,74 euros á AECC co seu III Torneo Solidario

A entrega da axuda tivo lugar esta semana no propio club. O acto coincidiu cun encontro institucional entre a AECC e o Hospital de Verín para reforzar a atención no rural ourensán.

A doazón destinarase ao programa de axudas económicas urxentes para pacientes oncolóxicos en situacións de emerxencia social. Esta liña é un apoio fundamental para moitas persoas que atravesan procesos de vulnerabilidade durante o tratamento.

O acto contou coa presenza de Germán Rodríguez-Saá, presidente da AECC en Ourense; Kelly Pereira, profesional da entidade; Isabel María Salgado, xerente do club; Jose Palomares, director deportivo e organizador do torneo; e Justo, representante de Pizzería Italia, un dos patrocinadores.

Verín Pádel Indoor doa 3.779,74 euros á AECC co seu III Torneo Solidario
Foto: AECC Ourense

O torneo, celebrado do 15 ao 18 de maio, reuniu a máis de 100 parellas de xogadores e xogadoras en distintas categorías masculinas e femininas. Participaron empresas colaboradoras como Clínica W, Jorge Mato, ER-CA S.L., Luan’s Café Burger, Calzados Araujo ou Construcciones Ropan S.L., entre outras. Todos os participantes recibiron un Welcome Pack, e os mellores clasificados foron recoñecidos con trofeos e premios.

Desde a AECC agradeceron “esta importante achega, que nos permite continuar apoiando a persoas que atravesan situacións moi difíciles, ofrecéndolles recursos básicos e acompañamento no proceso oncolóxico”.

Verín Pádel Indoor consolida así este torneo como unha cita solidaria de referencia na comarca. Supón a unión de deporte, compromiso social e apoio ás persoas afectadas polo cancro.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.