O Colexio San Pío X de Ourense realizou un vídeo sobre a vida e obra de Luísa Villalta Gómez en colaboración co Seminario Galán.
O alumnado de 5º de primaria, coa axuda do seu mestre David Rial, pon a voz a un vídeo que nos acerca a esta muller que será homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024.
Biografía de Luísa Villalta Gómez
Nada en Coruña no ano 1957, finou en 2004 por mor dunha meninxites. Estudou no colexio Xosefinas da rúa Juan Flórez e no instituto Eusebio da Guarda. Licenciouse en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, tamén se licenciou en violín.
Formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela dende 1985 e, posteriormente, da Xuventude Orquestral de Galicia, así como de diversos grupos de cámara galegos. En 1988 aprobou as oposicións de Mestres de Lingua e Literatura Galegas, e deu clases no IES Xosé Neira Vilas (Perillo, Oleiros), no IES Canido (Ferrol) e no IES Isaac Díaz Pardo de Sada.
Desenvolveu unha intensa actividade cultural: impartiu seminarios, recitais de poesía e conferencias, entre outros. Colaborou en varias publicacións como Man Común, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grail, Luzes de Galiza, Agália, Boletín Galego de Literatura, A Trabe de Ouro, Enclave ou Páxina aberta.
Os artigos que publicou entre o 4 de xaneiro de 2002 e o 4 de marzo de 2004 en A Nosa Terra, foron recollidos no Libro das columnas (2005). Participou en organizacións como a Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Foro pola Cultura Galega ou a Mesa de Normalización Lingüística.
Na súa elección pola RAG como figura homenaxeada co Día das Letras Galegas 2024, destacaron que «foi unha creadora dunha obra única e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega xurdida na segunda metade dos anos 80 e principios dos 90».
Vídeo sobra a Vida e Obra de Luísa Villalta Gómez
Producido por: Colexio San Pio X e o Seminario Galán.
Voces: alumnado de 5º de primaria (Colexio San Pío X)
Mestre de lingua: David Rial (@educaRial)
Ilustracións: Carlos Gallego Domínguez.
Textos: Seminario Galán.