O uso partidista do Inorde por parte do PP centra a moción que o PSOE levará ao próximo Pleno da Deputación de Ourense, presentada este luns diante do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) polo voceiro socialista, Álvaro Vila Araújo.
O dirixente denunciou que o organismo provincial actúa como “unha arma de propaganda partidista para atacar ao Goberno central” mentres cala ante as políticas da Xunta que, ao seu xuízo, “están a desmantelar a sanidade e a educación públicas na provincia”.
Vila acusa ao PP de usar o Inorde como propaganda
Acompañado de deputadas e deputados provinciais socialistas, Vila puxo o foco nun estudo difundido polo Inorde o 29 de decembro sobre a supresión de paradas do tren na Gudiña.

Segundo explicou, tras solicitar a documentación completa o 7 de xaneiro, a resposta confirma que se trata dun traballo inacabado, “en fase de desenvolvemento, con resultados preliminares”, con graves deficiencias metodolóxicas.
Entre elas, o PSOE sinala a ausencia de datos obxectivos sobre o uso real da estación, a admisión de sesgos metodolóxicos sen medidas correctoras e a falta de información básica como tamaño da mostra, marxe de erro ou intervalos de confianza. “Sen estes datos, as porcentaxes presentadas carecen de validez estatística verificable. Isto non é rigor científico: é propaganda política mal disfrazada de investigación académica”, afirmou Vila.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE subliñou que o obxectivo da moción é denunciar o uso partidista do Inorde. “Non queremos que faga máis estudos coma este: queremos que deixe de ser unha arma de propaganda en mans do PP”, indicou. Engadiu que, se o organismo continúa elaborando informes, “que os faga ben feitos, con equipos especializados, con datos obxectivos e sobre todas as políticas que afectan a Ourense, non só as que dependen de Madrid”.
Vila tamén reafirmou a posición socialista respecto ao tren. “Votamos a favor da moción aprobada no Pleno de outubro de 2025, acudimos ás mobilizacións cidadás e defendemos a recuperación das frecuencias suprimidas”, lembrou. O que o PSOE cuestiona é “un estudo metodoloxicamente deficiente, presentado como conclusivo cando está inacabado” e o feito de investir 11.000 euros nun informe sobre unha competencia estatal mentres “non se dedica nin un euro a medir o impacto das políticas autonómicas”.
Sanidade e educación, fóra do foco
Diante do CHUO, o dirixente socialista detallou a situación da sanidade pública para exemplificar, segundo dixo, “o impacto real das políticas autonómicas que ninguén mide”. Referiuse a listas de espera de até seis meses en especialidades como traumatoloxía ou dermatoloxía, equipos obsoletos, problemas estruturais e espazos “non aptos para a convalecencia”. Fóra da capital, citou o hospital de Valdeorras “sen especialistas, con pacientes derivados a León”, o peche de consultorios en Verín por falta de persoal e a oferta de especialidades inexistentes no Carballiño.
En educación, Vila denunciou o peche de centros e unidades, a supresión de postos docentes, a falta de servizos adaptados e a existencia de milleiros de nenos sen praza pública en educación infantil de 0 a 3 anos. Ao seu xuízo, esta situación prexudica especialmente ás mulleres polas dificultades de conciliación. Sobre todo isto, engadiu, “a Deputación inviste cero euros en estudos, porque non serve para atacar ao Goberno central e deixaría en evidencia as súas propias responsabilidades”.
“A situación de desleixo da nosa provincia non se dirime en Madrid, senón en Santiago e en Ourense, onde residen as competencias. Santiago e Ourense, precisamente onde o PP goberna”, concluíu Vila. “Se estudan o tren, que estuden tamén a sanidade e a educación. Esa é a coherencia que Ourense esixe”.

