Colaboraciones

VIVA O ENTROIDO DE LAZA

Viva o entroido de Laza – Xacobo Garcia Novoa

Para moitos, o entroido de Laza é unha festa como outras de interese turístico, cultural e tradicional que temos en Galicia.

Para un lazano é distinto, témolo como un sentimento. Un Lazano non o concibe doutro xeito que, non sexa facendo entroido e desfrutándoo.

Dende ben pequenos cóntannos como os nosos devanceiros entroidaban, como se vestían, corrían e como se facía un bo peliqueiro, por iso lle temos tanto respecto. É unha figura identificativa, aínda que, hoxe en día,  todos teñamos un ou dous, o valor e importancia que se lle dá eleva a de calquera disfrace, para nós é un traxe.

O noso entroido débese ao legado que nos deixaron, por iso a nosa responsabilidade é a de continuar co mesmo.

Cando comeza o ciclo festivo?

Dende que dan as doce badaladas saen os primeiros chocos as rúas. Aquí é onde se dá inicio ao tempo de entroido, un tempo que nos pon a pel de galiña.

Coma todo, isto tamén ten a súa preparación, todo debe estar perfecto e a punto para o momento no que, o peliqueiro sae. Ese domingo de estrea, no cal, o traxe debe brillar con luz propia.

O bonito do noso entroido; ademais da xuntanza e a unión nos preparativos;  é moverse de casa en casa visitando aos veciños/as, os que sempre teñen unha anécdota que contar, un chupito de xastré, un anaco de bica ou simplemente algo que levar a boca. Para nós iso é máxico, a nosa esencia. Do que se nos coartou e polo que hai que actuar con sentidiño.

Este, o noso sobreviviu ante calquera imprevisto e situación e, non hai palabras que expresen o ver a xente asomarse as fiestras ao pasar os peliqueiros no tempo que nos tocou vivir.

VIVA O ENTROIDO DE LAZA

Explicar o noso entroido é complicado, sexa dunha maneira ou de outra. Só cando se vén e se vive, se pode saber realmente o que sentimos. O que o fai unha vez repite iso será por algo. Porque escoitar e, mesmo ver na praza da Picota ese berro final de “VIVA O ENTROIDO DE LAZA” co testamento do burro fai estremecer e emocionar a calquera, aínda que non se entenda.

Cando falo, creo que o fago en nome de todos os meus. Ao movernos é importante saber a onde se vai. O noso é admiración por enriba de todo e non podemos transmitila de mellor maneira a todos os que se acercan ou iso procuramos.

Din que é mellor vivilo que contalo e dende Laza temos a mellor historia vivida para contar.

Viva o entroido de Laza – Xacobo Garcia Novoa

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Botón volver arriba