A X Gala contra o Cancro celebrarase o sábado 29 de novembro no Auditorio Municipal de Ourense cun cartel que mestura música, humor e danza, encabezado polo cantante e compositor ferrolán Andrés Suárez, que acaba de estrear o seu novo disco e xira Lúa.
O evento, organizado pola Asociación Cultural As Canellas en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), é xa unha cita consolidada que leva nove anos enchendo o auditorio municipal e reunindo referentes da música, a danza, o humor e a interpretación.
A X Gala contra o Cancro encherá o Auditorio de Ourense o 29 de novembro
Ao longo da súa traxectoria, a gala contou coa participación de artistas como Susana Seivane, Lucía Pérez, Emilio Rúa, Daniel Minimalia, Luis Emilio Batallán, Rosa Cedrón, Guadi Galego, Xosé Manuel Budiño, Lys Pardo, Monoulious DOP, Xabier Vizcaíno, Xestreu, Andrea Pousa, Davide Salvado, O Sonoro Maxín, Sabela, Lucía Veiga, Pili Pampín, Tania Veiras ou Lucía Rodríguez, entre moitos outros.

Nesta décima edición, Andrés Suárez será un dos protagonista e estará acompañado pola actriz, humorista e presentadora Marta Doviro. Esta achegará o seu toque de humor e proximidade ao público tras o éxito de espectáculos como Memorias dunha rapasa da Costa ou As Rhumorosas. A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense abrirá o acto con unha intervención emotiva, mentres que Castro Floxo e Dantzari Danzas do Mundo mostrarán o folclore galego e danzas doutros lugares. Tamén actuará Daniela González, a cantante ourensá de só oito anos que participou en La Voz Kids.
A gala estará presentada por Lucía Rodríguez, que repite por terceira vez, e Fátima Pego, actriz, cómica e cantante. A organización destaca que, tras dez edicións, o obxectivo segue sendo “avanzar e seguir propoñendo grandes artistas para un evento solidario que enche de emoción o auditorio”. “Contar con Andrés Suárez nesta décima edición é unha enorme satisfacción e orgullo”, afirmou o organizador David Rodríguez.
Venta de entradas
As entradas teñen un prezo de 10 euros e xa están dispoñibles en ataquilla. com. Tamén están dispoñibles na sede da AECC de Ourense, único punto físico con 150 localidades á venda. A organización habilitou a fila cero para doazóns solidarias na conta de ABANCA (ES21 2080 5259 0630 4005 4009).
O evento conta co apoio institucional do Concello de Ourense, Deputación Provincial, Xunta de Galicia e Auditorio Municipal de Ourense. Ademais, conta co patrocinio de ABANCA, Clínica Dental Parracía, Grupo Cuevas, NH Ourense, Carnes Parente, Espacio Lector Nobel e Pérez Rumbao, entre outros. A produción corre a cargo de Aufoteza Producións e Abella Creativa, e conta coa colaboración de múltiples empresas e entidades locais.