O XI Tangaraño Cultural de Sobradelo comeza o seu programa de actividades de 2024 con dous actos previstos nos concellos de Xunqueira de Ambía e Vilar de Barrio.
Para calquera acontecemento cultural, permanecer durante varias edicións é un reto maiúsculo que poucos logran acadar.
O XI Tangaraño Cultural comeza o seu programa 2024
Son numerosos os actos culturais que florecen con forza para decaer coa mesma intensidade pouco despois e caer no esquecemento. Quizais existan numerosas claves para que un evento cultural perdure no tempo e se asente como referente cultural e social e quizais sexa a confluencia de todas elas as que favorezan ese éxito.
No caso do Tangaraño Cultural atopamos á súa impulsora Rochi Nóvoa rodeada dun excelente equipo de traballo. O grupo organizador abre as súas portas a novas incorporacións que sumen enerxía e contribúan a manter vivo este evento.
Son claves tamén as institucións locais que deben posuír a sensibilidade necesaria para apreciar e valorar na súa xusta medida a importancia que estes eventos teñen a nivel cultural e social dentro da súa comunidade. Por sorte, os concellos de Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Baños de Molgas apoian ano tras ano á actividade do Tangaraño Cultural para facer partícipe á súa veciñanza desta expresión cultural.
Non pode faltar tamén o apoio social que alente e apoie coa súa presenza estes actos culturais. Numerosos veciños e veciñas agardan estas datas para asistir ás diferentes actividades que o Tangaraño Cultural programa. Supón este apoio unha forma de fortalecer o vínculo comunitario nun ámbito rural que ten moito que amosar.
Tangaraño Cultural en Xunqueira de Ambía e Vilar de Barrio
Para comezar a programación do XI Tangaraño Cultural de Sobradelo atopamos a programación das dúas primeiras xornadas.
O Xoves, 16 de maio de 2024, terá lugar ás 20h a inauguración da exposición Mulleres das Capas de Mercedes Vázquez Saavedra no Concello de Xunqueira de Ambía. Este acto contará coa actuación musical de Aturuxa na Colexiata e unha posterior degustación de viño.
O Venres, 17 de maio, o Tangaraño Cultural viaxará ó concello de Vilar de Barrio para mostrar unha actuación musical. O Concerto do Dúo Perrito Piloto comezará ás 18h para dar continuidade á programación 2024 do Tangaraño Cultural.