Deportes

Ximnasia Pavillón e Escola Pavillón van a Granada

Os clubs Ximnasia Pavillón Ourense e Escola Pavillón lograron clasificar catro dos seus conxuntos para as Copas de España que se disputarán en Granada entre o 1 e o 4 de maio.

A cita nacional foi precedida polos controis federativos celebrados o sábado 5 en Ourense, onde o Club Ximnasia Pavillón exerceu de anfitrión.

Ximnasia Pavillón e Escola Pavillón van a Granada

O Club Ximnasia Pavillón presentou tres conxuntos na categoría absoluta para optar á I Fase da Copa de España, onde era imprescindible acadar, como mínimo, a segunda posición. A categoría máis disputada foi a sénior, cun alto nivel competitivo e representación dos clubs Oleiros, María Barbeito e Pavillón.

O conxunto sénior M —formado por Candela, Laura, Noa, Claudia e Mariña— logrou a clasificación grazas ao seu segundo posto. Pola contra, o conxunto sénior P —Martina, Xisela, Sheila, Maya, Daniela e Gretel— quedou fóra da clasificación ao rematar en terceira posición.

Ximnasia Pavillón e Escola Pavillón van a Granada
Foto: Ximnasia Pavillón

Na categoría infantil, o conxunto ourensán composto por Lara, Carla, Olga, Claudia e Bianca proclamouse campión grazas á súa sólida actuación co exercicio de pelotas e cintas, demostrando experiencia e seguridade.

Pola súa banda, o club Escola Pavillón tamén colleitou excelentes resultados. Os seus dous conxuntos base —cadete e alevín— competiron co obxectivo de obter praza na Copa Base de Conxuntos. O equipo cadete, integrado por Mónica, Laura, Lara, Daniela, Noa e Nicole, acadou o segundo posto cunha actuación moi precisa. O conxunto alevín —formado por Marina, Area, Alicia, Valeria R., Mara e Valeria V.— proclamouse campión da súa categoría.

Ximnasia Pavillón e Escola Pavillón van a Granada
Foto: Ximnasia Pavillón

Estes catro conxuntos ourensáns seguirán adestrando intensamente nas próximas semanas para perfeccionar os seus exercicios, guiados polas súas adestradoras Natalia Gómez, Alba Estévez, Yaiza Rodríguez e Raquel Dafonte.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.