O xogador do CB Athlos, Xoel Álvarez, acadou un meritorio quinto posto no 16th Multi Alarm Hungarian Junior Championships 2026, disputado en Pécs (Hungría) do 5 ao 8 febreiro 2026, quedando ás portas das medallas na modalidade de dobres masculino.
Álvarez competiu xunto a Adrián Rodríguez (CB As Neves) e a parella galega asinou un destacado papel ata alcanzar os cuartos de final.
Xoel Álvarez roza o podio en Hungría
Nesa rolda cederon ante os romaneses Calin Grajdieru e Maxim Iacob por 21-17/21-18 nun encontro moi igualado que decidiu o acceso ás semifinais.

No apartado de dobres mixtos, o xogador do club ourensán formou dupla con Sara del Castillo (Club del Mar San Amaro). Ambos quedaron eliminados en R16 tras caer fronte aos búlgaros Georgi Ruptsov e Elena Popivanova por 21-17/21-17.
Xa na modalidade individual, Xoel Álvarez non puido superar a primeira rolda do cadro principal (R64), onde perdeu ante o portugués Cesar Rodrigues por 21-10/21-16.
Dúas pratas para o Athlos en Cedeira
A actividade do CB Athlos completouse tamén en territorio galego coa participación no II Memorial Juan Antonio Rodríguez – Máster N3 Sénior, celebrado en Cedeira (A Coruña) os días 7 e 8 febreiro 2026.
A xogadora Dolores M. Sarmiento subiu dúas veces ao podio. Logrou a medalla de prata na categoría individual feminino C1-C2 e repetiu resultado no dobres mixtos C2, formando parella con Fco Javier Galicia, tamén representante do club.
Deste xeito, o conxunto ourensán pecha unha fin de semana de intensa competición internacional e autonómica cun balance moi positivo, consolidando a presenza do bádminton ourensán tanto en torneos europeos de base como no circuíto sénior galego.

