Eventos

Ourense celebra 40 edicións das Xornadas de Folclore

As Xornadas de Folclore da provincia de Ourense celebran este verán o seu 40 aniversario cun programa que traerá a riqueza cultural de catro continentes a vilas e cidades ourensás.

Do 11 ao 21 de agosto, seis agrupacións folclóricas procedentes de Arxentina, Chile, Filipinas, Irlanda do Norte, Ucraína e Xeorxia actuarán en 16 localidades da provincia, reunindo a 187 artistas en escenarios ao aire libre e de acceso gratuíto.

Ourense celebra 40 edicións das Xornadas de Folclore

O evento foi presentado esta mañá no Pazo Provincial polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; a directora territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Sandra Quintas; e o director das xornadas, Julio Fernández Senra. Todos eles coincidiron en subliñar a relevancia cultural desta iniciativa, que conta cunha media de 20.000 espectadores por edición grazas ao seu carácter itinerante.

Ourense celebra 40 edicións das Xornadas de Folclore
Foto: Deputación de Ourense

Cumprir 40 edicións fala da súa importancia como escaparate da diversidade folclórica internacional”, destacou Fernández. O vicepresidente tamén puxo en valor a cooperación institucional e cidadá como chave do éxito dun evento plenamente consolidado “no verán ourensán en galego”.

Sandra Quintas salientou a súa “contribución á dinamización das vilas e cidades, que durante uns días se converten en epicentros de cor, música e encontro multicultural”.

Pola súa banda, Julio Fernández agradeceu o labor de organización e coordinación do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. Tamén agredeceu a implicación dos guías, voluntariado, directores dos centros de acollida e da veciñanza, “que fan posible un espectáculo de primeiro nivel cunha selección de grupos representativos do folclore internacional”.

Cada noite, a programación ofrecerá dous espectáculos simultáneos en dúas vilas distintas, cunha duración aproximada de dúas horas. Cada actuación estará a cargo de tres das agrupacións participantes, que mostrarán ao público a súa música, danza e vestiario tradicional.

Grupos participantes nas Xornadas de Folclore

A cerimonia inaugural terá lugar o 11 de agosto no Teatro Principal de Ourense. As seguintes actuacións celebraranse en Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia.

As agrupacións convidadas son:

  • Huayra Muyoj (Arxentina),
  • Ballet Municipal de Rancagua (Chile),
  • Royal Tara Dance Academy (Irlanda do Norte),
  • Folk Dance Ensemble Volynianka (Ucraína),
  • National Honored Song and Dance Ensemble Georgian Folklore ‘Tsumu’ (Xeorxia) e
  • grupo de Filipinas aínda non revelado.

Durante a súa estadía na provincia, os grupos serán aloxados no Centro Residencial Docente de Ourense e no IES Universidade Laboral.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.