Noticias

A Xunta destina 150.000 € a alugueiro social en Vilariño

Vilariño de Conso, alugueiro social e rehabilitación de vivendas centraron esta mañá a visita do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, ao municipio, onde comprobou o resultado dun dos inmobles beneficiados das axudas autonómicas para a rehabilitación de edificios municipais destinados ao alugueiro social.

Manuel Pardo desprazouse ata Vilariño de Conso acompañado pola alcaldesa, Melisa Macía, para coñecer de primeira man unha actuación na que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas investiu preto de 150.000 euros.

A Xunta destina 150.000 € a alugueiro social en Vilariño

Trátase dunha liña de achegas dirixida a concellos para a recuperación de edificacións de titularidade municipal, como antigas vivendas de mestres ou doutros oficios, co obxectivo de ampliar o parque público de alugueiro social.

A Xunta destina 150.000 € a alugueiro social en Vilariño
Foto: Delegación da Xunta

Durante o encontro, o delegado territorial informou á rexedora de que a Xunta vén de lanzar unha nova convocatoria destas axudas, dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes. A orde conta cun orzamento bianual de 2,1 millóns de euros de fondos autonómicos.

Pardo salientou que nesta convocatoria a contía das achegas incrementouse nun 30%, polo que o importe máximo por vivenda pasa de 50.000 a 65.000 euros. A subvención poderá acadar ata o 95% do custo da rehabilitación, sen superar ese límite. No caso de inmobles situados en áreas Rexurbe, nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e Ribeira Sacra ou en centros históricos declarados, a axuda máxima poderá chegar aos 68.000 euros.

Axudas para rehabilitación no rural dirixidas a particulares

Na súa visita, o representante da Xunta tamén puxo o foco nun novo programa de axudas para a rehabilitación de vivendas no rural, dirixido a persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de inmobles situados en concellos de menos de 5.000 habitantes. Como requisito, a vivenda rehabilitada ou resultante deberá destinarse a domicilio habitual e permanente, ben do propietario ou en alugueiro, neste caso durante un mínimo de cinco anos.

Esta liña conta cunha partida bianual de 5 millóns de euros, ampliable se o número de solicitudes supera a contía inicial. As achegas cubrirán ata o 75% do custo das obras, cun máximo de 30.000 euros por actuación.

As intervencións subvencionables inclúen traballos de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sostibilidade e eficiencia enerxética, así como actuacións para evitar a entrada do gas radon ou garantir a súa eliminación do interior das vivendas. Ademais, poderán incluírse no custo total os honorarios de proxectos, informes técnicos, certificados, gastos de tramitación administrativa e tamén impostos, taxas e tributos, sempre que estean debidamente xustificados.

Manuel Pardo recalcou que esta nova liña poderá beneficiar a 82 concellos da provincia de Ourense e que é compatible con outras axudas da mesma finalidade, sempre que non se supere o custo total das actuacións. Neste senso, destacou a compatibilidade coas subvencións para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, permitindo mercar un inmoble abandonado e reformalo con estas achegas. Pola contra, indicou que as axudas do programa Fogar Vivo non serán compatibles coa reforma, aínda que si se poderán solicitar para cubrir seguros de impago de rendas ou seguros multirrisco no fogar.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.