O apoio da Xunta ao sector vitivinícola da DO Monterrei centrou hoxe a visita do delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, á adega Pazo de Valdeconde S.L., no concello de Verín.
O representante autonómico supervisou as obras de instalación de novos depósitos e equipos de frío, un investimento que contou cunha achega superior aos 45.000 euros das axudas de 2024 da Consellería do Medio Rural para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.
A Xunta apoia a modernización dunha adega da DO Monterrei en Verín
Durante a visita, Pardo reafirmou o compromiso do Goberno galego co sector de cara a 2026, lembrando que está aberta unha nova convocatoria de axudas para investimentos nas infraestruturas vinícolas, dotada con 5,5 millóns de euros e con prazo ata o 30 de xaneiro.

Ademais, indicou que ao longo de 2026 a Xunta destinará arredor de 12 millóns de euros a distintas liñas de apoio. Entre elas están a reestruturación e reconversión do viñedo, a promoción do viño galego en mercados exteriores e a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. Estas achegas buscan mellorar a competitividade das adegas, adaptalas ás demandas do mercado e impulsar procesos sustentables e innovadores.
Balance da vendima de 2025 na DO Monterrei
No balance da última vendima, Manuel Pardo salientou que a DO Monterrei rexistrou cifras récord. O incremento foi do 5 % respecto ao ano anterior e dun 35 % sobre a media do decenio 2016-2025. A variedade godello concentrou o 64 % da uva colleitada, mentres que a mencía representou o 16 %. As variedades brancas supuxeron o 79 % do total, fronte ao 21 % das tintas, confirmando a fortaleza desta denominación ourensá.

