O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, mantivo esta mañá unha reunión cos organizadores do proxecto, Cristina Rodríguez e Carlos Núñez, na que lle presentaron a programación da oitava edición desta iniciativa musical.
Ourencanto consolídase como un referente da música coral infantil e xuvenil na provincia de Ourense.
A Xunta destaca o valor educativo de Ourencanto
Durante o encontro, Manuel Pardo felicitou aos responsables de Ourencanto polo éxito dun evento que, ao longo de tres xornadas, reúne coros infantís, xuvenís e escolares da provincia.

A través desta proposta, nenos e mozos de entre 8 e 18 anos atopan novas oportunidades para expresarse, formarse e desenvolverse a través da música coral.
O delegado territorial puxo en valor a traxectoria dun proxecto que fomenta a participación cultural desde idades temperás e que contribúe á educación musical e ao traballo en equipo, ao tempo que fortalece o tecido cultural ourensán. Neste sentido, destacou a importancia de iniciativas que achegan a música aos máis novos e que promoven valores como a convivencia, o esforzo compartido e a creatividade.
Ourencanto chega á súa oitava edición convertido nun espazo de encontro para a mocidade da provincia, consolidándose como unha plataforma para a difusión da música coral e para o impulso do talento emerxente no ámbito educativo e cultural.

