A Xunta de Galicia inviste máis de 40.000 euros no parque empresarial de Chorente, en Allariz, para mellorar a infraestrutura viaria do polígono industrial.
O delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá as instalacións acompañado da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid.
A Xunta inviste 40.000€ no polígono de Chorente
A actuación, que ascende a 40.308 euros, corresponde á convocatoria do pasado ano para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos.

Segundo explicou o representante autonómico, esta achega forma parte dun investimento global de máis de 500.000 euros destinado a distintos polígonos da provincia.
En concreto, recibiron fondos os parques industriais de Allariz (40.308€), San Cibrao das Viñas (120.000€), Vilamarín (74.424€), Xinzo de Limia (59.310€), O Pereiro de Aguiar (119.966€) e A Gudiña (93.522€). O delegado destacou que estas partidas se encadran na política industrial da Xunta para reforzar a modernización e competitividade dos espazos empresariais, garantindo que as compañías conten cos servizos e infraestruturas necesarias para desenvolver a súa actividade.
Nova orde de axudas por 3,4 millóns
Durante a visita, Manuel Pardo lembrou que o Goberno galego mantén aberta unha nova orde de axudas dotada con máis de 3,4 millóns de euros dirixida aos concellos que queiran executar melloras nos seus parques empresariais.
Estas subvencións permitirán actuar en ámbitos como a implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, sistemas de xestión de residuos, melloras viarias ou servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde. Como novidade este ano, os concellos poderán destinar os fondos á mellora das infraestruturas e espazos públicos do polígono para favorecer a súa integración paisaxística.
As achegas cubrirán o 80% do investimento subvencionable, cun máximo de 120.000 euros nas solicitudes individuais e de 138.000 euros nas conxuntas. Ademais, contemplan anticipos de ata o 25% da contía concedida. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 3 de marzo.
O delegado territorial subliñou o compromiso da Xunta co tecido empresarial ourensán, salientando a colaboración cos concellos para optimizar servizos e infraestruturas, favorecer a implantación de novas compañías e impulsar o emprego local.

