Ourense reforza a seguridade viaria no inverno. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao Centro de Conservación da Xunta Ourense (Centro COEX).
Alí supervisou os traballos que desenvolven os operarios autonómicos co obxectivo de garantir a seguridade viaria durante a época de climatoloxía adversa.
A Xunta supervisa o Plan de Vialidade Invernal en Ourense
Durante a visita, Manuel Pardo trasladou os parabéns do Goberno galego polo “traballo exemplar” que se está a realizar no marco do operativo de coordinación de medios materiais e humanos.

Un dispositivo clave para manter a vialidade das estradas tras as últimas nevaradas e ante as precipitacións persistentes, que están a deixar rexistros moi elevados de auga e episodios de fortes ventos.
O delegado territorial fixo extensiva esta felicitación aos traballadores doutras administracións, como a Administración do Estado, a Deputación Provincial e os concellos. Destacou a boa coordinación institucional para garantir a seguridade da cidadanía en situacións meteorolóxicas extremas.
Plan de Vialidade Invernal activo ata o 30 de abril
Manuel Pardo lembrou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas mantén activo na provincia o Plan de Vialidade Invernal do Goberno galego, posto en marcha o pasado 1 de novembro e operativo ata o 30 de abril. Ademais, realizou unha chamada á prudencia e á concienciación social para que os condutores extremen as precaucións ao volante durante estes meses de condicións meteorolóxicas adversas.
Medios humanos e materiais na provincia
O Goberno galego dispón na provincia de Ourense de 5 centros operativos de conservación e explotación, dotados con máis de 2.000 toneladas de fundentes. No dispositivo participan 77 profesionais, que contan con 49 máquinas. Entre elas inclúense camións, pick-up, retros, cuñas, follas, esparexedores de sal e estendedores de salmoira.
A provincia con máis vías sensibles á neve e ao xeo
A provincia de Ourense é a que presenta un maior número de estradas autonómicas sensibles a incidencias por neve ou xeo. Conta con 81 estradas da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, que suman 1.026,56 km, o que supón arredor do 40% da súa rede autonómica. Deste total, aproximadamente 410 km son os máis susceptibles de sufrir fenómenos meteorolóxicos adversos debido á súa altitude superior aos 600 metros.

