Esta mañá tivo lugar unha reunión para abordar proxectos hidrográficos estratéxicos para a provincia de Ourense.
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reuniuse esta mañá co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, para abordar proxectos de interese na provincia vinculados ás competencias do organismo hidrográfico.
Reunión para abordar proxectos hidrográficos estratéxicos
Durante a xuntanza, ambos responsables analizaron os proxectos que a Confederación está a desenvolver en concellos de toda a provincia, centrados en aspectos como o regadío, a mellora das cuncas fluviais, obras de saneamento e a creación de sendas ou itinerarios de interese turístico.
Tamén se tratou a execución do Plan Hidrolóxico vixente ata 2027, facendo especial fincapé nos orzamentos previstos para 2025. Neste sentido, avaliáronse novas inversións e ampliacións de proxectos en marcha, ao tempo que se comezaron a definir liñas estratéxicas para o plan hidrolóxico seguinte.

O subdelegado destacou a importancia destes investimentos, subliñando que “hai proxectos de transformación hidráulica moi importantes en varios concellos e comarcas ourensás, que recibirán inversións de millóns de euros, significando ademais unha mellora medioambiental substancial en áreas nas que era moi necesaria”.