O Concello de Ourense e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) avanzan na análise de tres actuacións vinculadas ao río Miño: a futura canle de augas bravas, a instalación dun pantalán en Velle e a construción dun novo edificio de vestiarios en Oira.
O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, o xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González, e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, mantiveron unha reunión de traballo na sede da confederación para abordar a viabilidade destes proxectos.
Concello e CHMS avanzan en tres proxectos deportivos no río Miño
Entre os asuntos tratados destacou a canle de augas bravas, considerada polo Concello unha infraestrutura estratéxica para potenciar o deporte e o aproveitamento do río Miño. Segundo informou o goberno municipal, Quiroga comprometeuse a estudar a proposta unha vez a CHMS reciba a documentación técnica que está a elaborar o Consello Municipal de Deportes.

Outro dos proxectos analizados foi a instalación dun pantalán na zona de Velle, unha infraestrutura demandada para facilitar o acceso ao río desde o Hangar de Deportes Náuticos. O Concello sostén que esta actuación melloraría a seguridade dos usuarios, especialmente do Club de Piragüismo Ourense, e favorecería a incorporación de novos practicantes a esta disciplina.
A reunión tamén serviu para avaliar a posibilidade de construír un novo edificio de vestiarios no Complexo Deportivo de Oira. A pesar de situarse nunha zona susceptible de inundacións, as consultas técnicas realizadas apuntan a que a súa execución resulta viable.

