O vindeiro sábado 26 de abril, ás 20:00 horas, a Sala Manuel María de Barbadás acollerá a actuación da compañía Fantoches Baj co seu novo espectáculo: Castelao. Un corazón á intemperie.
Trátase dunha proposta pensada para público infantil e familiar, que mestura narración oral, monicreques, música tradicional e teatro de máscaras.
“Castelao para nenas e nenos” chega a Barbadás con Fantoches Baj
Esta produción busca achegar a figura e a obra de Castelao ás nenas e aos nenos, reinterpretando o seu legado artístico e ideolóxico desde unha perspectiva lúdica e emocional. Ademais, pon en valor o uso da lingua galega a través dunha posta en escena coidada e chea de simbolismo.
A entrada é de balde mediante invitación, que se pode recoller na Casa da Cultura de Barbadás. O evento está patrocinado polo programa de dinamización lingüística FalaRedes da Xunta de Galicia e conta coa organización da Concellaría de Cultura de Barbadás.

Unha oportunidade perfecta para gozar do teatro en familia e coñecer, desde os ollos da infancia, o corazón á intemperie de Castelao.