Noticias

O PSdeG-PSOE rexeita o recorte de frecuencias do AVE na Gudiña

O PSdeG-PSOE mostra o seu rexeitamento á supresión de frecuencias do AVE na estación da Gudiña, unha decisión que afecta negativamente a toda a comarca e mesmo a territorios limítrofes.

Acompañado por varios deputados e deputadas provinciais, Vila expresou o apoio explícito do seu partido ás reivindicacións encabezadas polo alcalde da Gudiña, Néstor Ogando, contra a decisión de Renfe de reducir de nove a seis os trens diarios con parada nesta estación a partir do 9 de xuño.

O PSdeG-PSOE rexeita o recorte de frecuencias do AVE na Gudiña

O recorte das paradas do AVE na estación A Gudiña – Porta de Galicia é un ataque directo a un servizo esencial para o desenvolvemento do noso territorio”, afirmou este xoves Álvaro Vila, secretario provincial do PSdeG-PSOE e portavoz do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, durante a súa visita á localidade.

Álvaro Vila denunciou que esta rebaixa nos servizos ferroviarios deixa sen opción de transporte a centos de persoas que utilizan o AVE por razóns laborais, sanitarias ou educativas. “Non podemos permitir que unha zona clave quede illada, sen conexións axeitadas, mentres se fala de interese xeral e social”, apuntou Vila, quen anunciou que o Grupo Socialista apoiará todas as iniciativas necesarias ante Renfe e outras administracións para reverter esta medida.

Pola súa banda, o alcalde da Gudiña, Néstor Ogando, fixo fincapé no carácter supramunicipal da protesta. “Non é só unha loita da Gudiña, senón dunha trintena de concellos da contorna, incluíndo municipios do Bierzo e do norte de Portugal, que xa se sumaron á campaña en defensa deste servizo público básico”, declarou. Ogando cualificou o recorte como unha “deriva sen sentido” que prexudica directamente á cohesión territorial e á loita contra o despoboamento.

A partir do 9 de xuño, os usuarios perderán a posibilidade de viaxar cara Madrid antes das 14:08 horas ou de regresar a Galicia despois das 18:06 horas. Desde o PSdeG-PSOE considérase que esta decisión agrava o illamento dunha comarca xa golpeada por anos de recortes en servizos públicos.

O PSdeG-PSOE rexeita o recorte de frecuencias do AVE na Gudiña
Foto: PSdeG-PSOE

Garantir o acceso aos servizos ferroviarios é unha cuestión de xustiza territorial”, insistiu Vila. “Temos a obriga de ofrecer as mesmas oportunidades de vida e traballo a quen vive no rural que ás persoas das grandes cidades”. O líder socialista comprometeuse a seguir traballando con determinación para que ningún territorio da provincia quede atrás.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.