Noticias

Enxertan soutos queimados no Courel con apoio galego e británico

O pasado 14 de xuño, preto de trinta voluntarios e voluntarias chegados de toda Galicia e mesmo das Illas Británicas participaron nunha xornada de voluntariado ambiental no souto de Froxán, en Folgoso do Courel.

A actividade, organizada pola Comunidade de Montes de Froxán en colaboración coa Área de Medio Rural da Deputación de Lugo, centrouse no enxertado de rebrotes de castiñeiros afectados polos incendios de 2022, empregando para iso variedades locais adaptadas á zona.

Enxertan soutos queimados no Courel con apoio galego e británico

Esta intervención contou coa colaboración da Asociación Galega das Castañas e os Soutos, creada en xaneiro de 2024 co obxectivo de defender e promover o sector da castaña en Galicia. Os traballos foron coordinados por Santiago Ramos, de Alsara Consultoría y Servicios Integrales SL, recoñecido como un dos maiores expertos en enxertos de Galicia.

Enxertan soutos queimados no Courel con apoio galego e británico

A Serra do Courel, cunhas 3.000 hectáreas de soutos tradicionais, é unha das comarcas de referencia na produción de castaña galega. Porén, nos últimos anos, este sector viu reducida a súa produción debido a diversos factores como o despoboamento rural, o cambio climático e, especialmente, os incendios forestais que en 2022 asolaron milleiros de hectáreas, incluíndo numerosos soutos centenarios.

Segundo explican desde a Asociación Galega das Castañas e os Soutos, enxertar rebrotes con variedades locais é unha das accións máis efectivas para recuperar os soutos queimados. A entidade pretende seguir promovendo e visibilizando o sector da castaña, que afronta múltiples retos como a falta de profesionalización, o mantemento deficiente das novas plantacións ou a aparición de novas pragas e enfermidades, pero que conserva un enorme potencial económico, social e cultural.

A xornada en Froxán supuxo un exemplo inspirador de colaboración entre veciñanza, especialistas e institucións para garantir o futuro dun patrimonio natural e produtivo clave na historia e economía do Courel e de Galicia.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.