A Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, vén de renovar por vixésimo cuarto ano consecutivo os certificados de Calidade ISO 9001 e de Medio Ambiente ISO 14001, outorgados por AENOR, entidade líder na certificación de sistemas de xestión.
O acto de entrega dos novos certificados celebrouse nas instalacións do recinto feiral e contou coa participación do director de AENOR en Galicia, José Enrique Rodríguez Coello, que fixo entrega dos documentos ao director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González, e ao responsable do Departamento de Calidade, Emilio González Pérez.
Expourense renueva por 24º ano consecutivo os certificados ISO de Calidade e Medio Ambiente
Expourense foi pioneira en Galicia na implantación destes estándares. En 2002 converteuse no primeiro recinto feiral galego e terceiro de España en obter a certificación ISO 9001 de Calidade.

Seis anos despois, en 2008, tamén foi o primeiro en Galicia en acadar a ISO 14001 de Xestión Ambiental. Desde entón, ambos selos forman parte da súa identidade corporativa e da súa estratexia de xestión.
A renovación da certificación de Calidade reforza o compromiso de Expourense cos seus obxectivos estratéxicos: fomentar a internacionalización, a calidade, a innovación, o emprendemento e a formación, tanto no tecido empresarial como no conxunto da sociedade.
Pola súa banda, a ISO 14001 garante o control ambiental da actividade do recinto, mediante a identificación e avaliación dos riscos asociados. Entre os parámetros ambientais que se monitorizan destacan as emisións de gases, os vertidos á rede de saneamento, a xestión de residuos, o control de ruído e a posible contaminación por hidrocarburos ou legionela.
Con esta nova renovación, Expourense consolida a súa posición como referente en calidade e sostibilidade no sector feiral galego e estatal.