Noticias

OUR FEST 2026 desvela os horarios dos concertos en Expourense

OUR FEST 2026 xa ten horarios para a súa quinta edición, que se celebrará o sábado 19 de setembro en Expourense cunha programación de seis concertos consecutivos e sen solapamentos.

As portas abriranse ás 17:00 h e a música comezará media hora despois, prolongándose ata a madrugada. O festival aposta novamente por un formato dunha única xornada no que o público poderá asistir a todas as actuacións.

OUR FEST 2026 desvela os horarios dos concertos en Expourense

A programación arrancará ás 17:30 h con Germán Salto, seguido por Triángulo de Amor Bizarro, ás 18:45 h. A continuación, The Dream Syndicate ofrecerán ás 20:15 h a súa única actuación en España este ano.

OUR FEST 2026 desvela os horarios dos concertos en Expourense
Foto: Expourense.

O cartel continuará ás 21:45 h con The Mystery Lights, antes da chegada dun dos grandes nomes da edición, The Jesus and Mary Chain, que subirán ao escenario ás 23:15 h. A banda escocesa, liderada polos irmáns Jim e William Reid, repasará unha traxectoria fundamental na historia do rock alternativo.

O peche correrá a cargo de Fat Dog, á 01:00 h, na que será a súa primeira actuación en Galicia. A formación londiniense levará a Expourense a súa mestura de electro-punk, rock, techno e cultura rave.

Durante os cambios de escenario, Albert Petit DJ manterá a continuidade musical con sesións nas que combinará música negra, punk, punk rock, power pop e sons de guitarras.

OUR FEST, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, celebra así a súa quinta edición consolidando desde Ourense unha proposta centrada na música alternativa nacional e internacional. O festival tamén conta co apoio da Deputación de Ourense desde a súa primeira edición.

As entradas continúan á venda por 40 euros máis gastos de xestión.

Horarios completos de OUR FEST 2026:

  • 17:00 h: Apertura de portas
  • 17:30 h: Germán Salto
  • 18:45 h: Triángulo de Amor Bizarro
  • 20:15 h: The Dream Syndicate
  • 21:45 h: The Mystery Lights
  • 23:15 h: The Jesus and Mary Chain
  • 01:00 h: Fat Dog

Botón volver arriba