O 17º Salón do Automóbil de Expourense reunirá 725 vehículos de 31 marcas durante dúas fins de semana de outubro.
A cita, organizada por Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (A.C.A.U.T.O.), coa colaboración da Deputación Provincial, dividirase en dúas convocatorias: o Salón do Vehículo Novo, do 16 ao 18 de outubro, e o Salón do Vehículo de Ocasión, do 23 ao 25.
Expourense reunirá 725 coches no 17º Salón do Automóbil
Un total de 20 concesionarios oficiais participarán nesta edición, na que presentarán arredor dunha vintena de novos modelos e os lanzamentos previstos para a campaña de 2027. Os visitantes poderán comparar nun mesmo espazo diferentes gamas, prezos e motorizacións, desde vehículos convencionais ata as novas propostas de mobilidade.
A organización destaca que a feira se converterá durante estas dúas semanas nun dos principais escaparates da automoción do norte de España. A.C.A.U.T.O. aproveitará ademais o encontro para celebrar o seu 30º aniversario.
Un desconto de 6.000 euros e colaboración con Cáritas
Para incentivar as compras, a organización sorteará un cheque agasallo de 6.000 euros entre as persoas que pechen a adquisición dun vehículo novo ou de ocasión durante os salóns. O importe descontarase do prezo do automóbil comprado.
A iniciativa manterá tamén a súa vertente solidaria coa colaboración de Cáritas Ourense. A.C.A.U.T.O. achegará 15 euros por cada vehículo vendido e, desde o inicio desta campaña en 2016, a entidade recibiu xa arredor de 45.000 euros.
Renovar o parque automobilístico ourensán
O salón pretende contribuír tamén á renovación do parque automobilístico da provincia. Segundo os datos facilitados pola organización, Ourense conta con arredor de 165.000 vehículos matriculados. Estes contan cunha idade media de 18,2 anos, fronte aos 16,7 da media galega.
Esta renovación da frota permitiría avanzar na seguridade viaria e na sustentabilidade, ao tempo que facilita o acceso dos compradores a modelos máis recentes.
A presentación oficial contou coa participación do presidente do comité executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid; o deputado provincial Rosendo Fernández; o secretario xeral de Cáritas Ourense, Javier Soto, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. A vicepresidenta de A.C.A.U.T.O., Eva André, tamén interveu no acto.

Horarios e entradas
O Salón do Automóbil abrirá os venres 16 e 23 de outubro de 11:00 a 20:30 h; os sábados 17 e 24, de 10:00 a 20:30 h; e os domingos 18 e 25, de 11:00 a 20:00 h.
A entrada custa 3 euros por salón e será gratuíta para os menores de ata 12 anos. Ademais, haberá un servizo de ludoteca gratuíto para facilitar a visita das familias: os venres de 17:00 a 20:30 h; os sábados de 12:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:30 h; e os domingos de 12:00 a 14:00 h e de 16:30 a 20:00 h.

