Noticias

O Salón do Automóbil de Expourense vende 350 coches

O Salón do Automóbil de Expourense pechou a súa 17ª edición con 350 coches vendidos e máis de 11.000 visitas, os mellores resultados dos últimos anos.

A feira, organizada por Expourense e ACAUTO coa colaboración da Deputación de Ourense, reuniu durante seis xornadas 20 concesionarios oficiais que representaban 31 marcas.

O Salón do Automóbil de Expourense vende 350 coches

Dos vehículos vendidos, 171 eran novos e 179 de ocasión, cun reparto practicamente igualado entre ambas as modalidades. Os resultados superan os de todas as edicións posteriores á pandemia e confirman o interese do público por esta cita comercial, que tamén recibiu numerosos visitantes doutras cidades galegas, especialmente de Vigo e Pontevedra.

O Salón do Automóbil de Expourense vende 350 coches.
Foto: Expourense.

A organización prevé que as vendas aumenten nos próximos días, xa que moitas operacións iniciadas durante a feira se pechan posteriormente. A estes datos súmanse os 135 vehículos vendidos no Car Outlet celebrado o pasado mes de abril.

Sorteo dun bono de 6.000 euros

ACAUTO celebrará o martes 27 de outubro, ás 12:00 h, o sorteo ante notario dun bono desconto de 6.000 euros entre as persoas que compraron un vehículo durante o salón. A entrega do premio terá lugar o xoves 5 de novembro no concesionario que vendera o coche premiado.

Botón volver arriba