O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, animou á cidadanía a asistir á 41ª Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia 2025.
Santos destacou o seu papel na construción dunha sociedade máis libre e próspera.
O Goberno destaca o valor cultural e social da MIT de Ribadavia
Noticia:
A 41ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia celebrarase do 18 ao 26 de xullo de 2025 e contará cunha programación plural e descentralizadora, con 23 espectáculos escénicos e máis de 35 actividades paralelas.

Na presentación oficial do evento, celebrada hoxe, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou a importancia desta cita como ferramenta de transformación social, cultural e territorial.
Santos afirmou que “é unha iniciativa que consegue unha sociedade máis libre e próspera” e puxo en valor o apoio do Goberno de España a través do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), que achega financiamento á MIT ano tras ano. “Sen cultura non hai futuro”, sentenciou o subdelegado, subliñando que a cultura é unha peza clave na defensa da liberdade de creación e na preservación da identidade colectiva.
Ademais, recordou que continúa aberto o prazo para solicitar o Bono Cultural Xove 2025. Este bono, dirixido a mozos nados en 2007, ofrece unha dotación de 400 euros para consumo cultural. “Esta medida busca achegar a cultura á mocidade e apoiar a industria cultural”, sinalou.
A MIT de 2025
A Mostra 2025, segundo destacou Santos, tamén é un exemplo de compromiso co medio rural. O ciclo satélite levará teatro a aldeas como San Cristovo, Sampaio, Santo André ou Francelos, promovendo a descentralización cultural e loitando contra o despoboamento.
A programación incluirá compañías galegas como Disiden.cia, Ibuprofeno Teatro, La Guajira, Ártika, Ítaca Teatro, Pistacatro, Furia Sotelo, Chévere e o colectivo A Volátil. A nivel internacional, participarán Parini Secondo (Italia), Circolando e Patricia Portela (Portugal), e Mari Paula (Brasil).
O panorama estatal estará representado por artistas como María Jurado, Malpelo, Luz Arcas, Kolektiv Lapso Cirk, Teresa Lorenzo, Los Torreznos, Cris Blanco e Societat Doctor Alonso.
Durante o acto, Santos agradeceu o labor do anterior director da MIT, Roberto Pascual, e felicitou ás novas responsables, Sabela Mendoza e Gena Bahamonde. Tamén puxo en valor os Premios Abrente, que este ano celebran o seu 20 aniversario recoñecendo o traballo de dramaturxia en galego.