Natalia González e Xurxo Doval anuncian a doazón do recadado na Festa dos Maios á entidade que traballa con menores en risco de exclusión, poñendo o foco na defensa da infancia e a saúde mental.
Os representantes socialistas trasladaron ao presidente da organización que a Agrupación Municipal do PSdeG destinará este ano á súa causa o importe recibido pola súa participación na tradicional Festa dos Maios.
O PSdeG de Ourense doará os fondos dos Maios á ONG Igaxes
A secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González, e o vicesecretario xeral, Xurxo Doval, participaron na presentación da memoria anual da ONG Igaxes, unha entidade que leva máis de dúas décadas traballando para que ningún neno, nena ou adolescente vexa truncado o seu futuro pola pobreza ou a exclusión social.

“Estamos a facer da nosa presenza nesta celebración tan identitaria unha tradición, e aproveitámola para colaborar con entidades sociais que traballan polo ben común”, explicou Natalia González, quen tamén exerce como portavoz do grupo municipal socialista e responsable de Política Social na Comisión Executiva Nacional Galega. “Neste caso, consideramos máis que xustificado achegar o noso apoio a unha organización que traballa cun colectivo que, lamentablemente, nos últimos tempos está a ser vítima de ataques de odio”, engadiu.
Pola súa banda, Xurxo Doval, tamén secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, lembrou o episodio de hai ano e medio, cando unha exposición fotográfica organizada por Igaxes no campus de Ourense foi vandalizada. As imaxes denunciaban os prexuízos que sofren os menores tutelados. “Aquel ataque foi unha mostra clara do estigma que a entidade tenta visibilizar e combater”, sinalou.
Segundo datos da propia ONG, o 25% da infancia galega está en risco de pobreza, e milleiros de menores carecen da seguridade e afecto necesarios para o seu desenvolvemento emocional e persoal. En moitos casos, nin sequera poden contar coa protección básica das súas familias.
Só en 2024, Igaxes atendeu máis de 1.500 menores, a maioría deles tutelados. O 75% está a realizar formación para acadar autonomía na idade adulta. Ademais, máis de 60 mozos e mozas recibiron apoio psicolóxico, cun enfoque centrado na saúde mental, segundo destacou Natalia González.