Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) sobre a demanda por vulneración do dereito humano á auga nas comarcas de A Limia e Baixa Limia marca un fito histórico na loita contra a contaminación provocada pola gandaría industrial.
A resolución recoñece, por vez primeira, a responsabilidade directa da Xunta de Galiza e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) na degradación das augas subterráneas e do embalse das Conchas. Esta sentenza obriga a ambas administracións a adoptar medidas inmediatas e a indemnizar ás persoas afectadas.
A Xustiza recoñece a vulneración do dereito á auga na Limia
Unha sentenza histórica obriga á Xunta e á CHMS a actuar contra a contaminación e indemnizar aos afectados.

Segundo destacou a plataforma Auga Limpa Xa, promotora da demanda, “a sentenza establece un antes e un despois para os colectivos veciñais, ecoloxistas e a comunidade científica que levan anos denunciando a contaminación das augas e a inacción institucional”. A organización lembra que levan máis de quince anos alertando do risco para a saúde pública derivado da presenza de residuos procedentes das macrogranxas.
O fallo considera probado que a Xunta “infrinxiu preceptos de salvagarda da calidade das augas subterráneas, protección ambiental e sanidade” ao permitir o crecemento descontrolado de explotacións gandeiras intensivas en A Limia. Tamén sinala a responsabilidade da CHMS por non actuar ante o “constatable empeoramento da calidade das augas dende 2011”. Esta inacción produciuse pese a ser coñecedora da situación e participar nos procesos de autorización das granxas.
O TSXG obriga a ambas administracións a adoptar “de xeito inmediato cantas medidas sexan necesarias” para garantir a eliminación dos cheiros e da degradación ambiental do encoro de As Conchas e a contorna. Así mesmo, deberán asegurar o abastecemento de auga potable limpa e sen riscos para a saúde das persoas.
Adicionalmente, Xunta e CHMS terán que indemnizar con 1.000 euros mensuais a cada demandante dende a presentación da reclamación ata que cese a vulneración dos seus dereitos fundamentais.
Auga Limpa Xa anunciou que organizará mesas informativas para explicar á veciñanza os detalles da sentenza e as vías de acción que se abren a partir deste fallo. As primeiras citas serán este domingo en Lobios e o luns en Xinzo de Limia.

