Un amplo grupo de colectivos sociais, profesionais sanitarios e organizacións feministas rexistraron este luns 15 de xullo unha solicitude dirixida á Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, á Dirección Asistencial, ao conselleiro de Sanidade e á Valedora do Pobo.
Na solicitude esixen a paralización inmediata do traslado dos paridoiros do edificio materno do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) ás instalacións da Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA).
Sanidade e colectivos sociais enfróntanse polo traslado dos paridoiros en Ourense
Alegan que a nova ubicación non garante a seguridade nin os dereitos das mulleres e do persoal sanitario.

As entidades asinantes —entre elas Arrolos de Teta, Marcha Mundial das Mulleres, O Parto é Noso, Petra Maternidades Feministas, SOS Sanidade Pública Ourense, a Asociación Galega de Matronas e o persoal da área de partos e do servizo de espertar— denuncian que a nova ubicación non reúne as condicións mínimas esixibles para garantir unha atención digna e segura ao parto.
Críticas á infraestrutura e ao impacto nos dereitos
Entre os principais argumentos que sustentan a petición destacan:
- Infraestruturas insuficientes: segundo indican, a zona da CMA presenta carencias como a falta de baños adecuados. Tamén sinalan a perda da única sala de parto natural e espazos limitados que impiden a mobilidade das mulleres durante o parto.
- Vulneración de dereitos: o novo espazo compromete dereitos básicos das usuarias, como a intimidade, a confidencialidade e a liberdade de movemento, afectando directamente á calidade asistencial e aos resultados maternofetais.
- Risco de iatroxenia e separacións innecesarias: alértase dun posible aumento das intervencións e dificultades para garantir o acompañamento, a instalación da lactación materna e a humanización do parto.
As asinantes citan numerosos documentos e normativas, tanto estatais como internacionais, que amparan o seu posicionamento, incluíndo a Estratexia de Atención ao Parto Normal do Ministerio de Sanidade, as recomendacións da OMS e diversas leis de protección de datos e dereitos sanitarios.
Acusan desleixo e improvisación
No documento tamén se critica o que consideran un desleixo institucional e unha improvisación na toma de decisións. Relatan que, malia o recoñecemento das propias autoridades sanitarias sobre as deficiencias da nova localización, o traslado continúa adiante sen garantías.
Apuntan, ademais, que o argumento da temporalidade do cambio non se sostén ao non existir datas nin compromisos firmes por parte do Sergas. Así mesmo, denuncian contradicións nas explicacións ofrecidas pola Dirección de Procesos Asistenciais sobre o estado das actuais instalacións do materno e o suposto risco estrutural dalgúns espazos.
Solicitudes concretas
As entidades demandan:
- Paralización inmediata do traslado, ata que se avalíe de forma pública e con transparencia a idoneidade do novo emprazamento.
- Procura dunha nova ubicación alternativa que garanta as condicións de seguridade e dereitos mentres non se constrúe o novo hospital materno.
- Reunión urxente co xerente da Área Sanitaria, o conselleiro de Sanidade e a Valedora do Pobo.
Ademais, solicitan ser consideradas como órgano consultivo no proceso de toma de decisións sobre o futuro dos paridoiros.
Preocupación polo futuro da atención ao parto
O movemento social e profesional en defensa dunha atención digna ao parto no CHUO insiste na necesidade de actuar con responsabilidade e planificación. Advirten que calquera paso atrás neste ámbito supón non só unha regresión nos dereitos das mulleres, senón tamén un impacto negativo directo na saúde pública.

