O Grupo municipal do BNG levará ao Pleno do Concello de hoxe a situación do Servizo de atención á dependencia en Galicia e demandará melloras no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que prestan os Concellos.
Sarín Núñez, portavoz nacionalista, denunciou que “o sistema público de atención á dependencia en Galiza está a sufrir un preocupante proceso de desmantelamento”.
O BNG esixe melloras no Servizo de Axuda no Fogar en Barbadás
Engadiu que “lonxe de garantir os dereitos das persoas dependentes, a política da Xunta do PP céntrase nun modelo asistencialista e privatizador que empobrece o servizo público e devolve os coidados ao fogar, recaendo maioritariamente sobre as mulleres”.

Actualmente, máis de 2.000 persoas agardan pola valoración da dependencia, duplicando os prazos establecidos pola Lei de Dependencia, cunha media de espera de 361 días. Galicia sitúase así como a cuarta comunidade con maior atraso para acceder ás prestacións. Tamén é a que menos inviste por persoa dependente: 1.317 euros ao ano fronte aos case 2.000 da media estatal. Este infrainvestimento tradúcese en recortes de servizos esenciais substituídos por axudas asistencialistas de ata 420 euros mensuais.
No primeiro semestre de 2025, o SAF perdeu en Galicia 1.026 persoas usuarias, mentres os Centros de día perderon case 3.000. En paralelo, aumentaron en máis de 6.000 as axudas asistencialistas, cunas cantidades inferiores á metade do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). “Por primeira vez, hai máis persoas dependentes pagando unha residencia privada que ocupando unha praza pública ou concertada”, sinala Núñez.
No caso de Barbadás, en 2024 o SAF prestou 14.931 horas anuais, cun custe total de 395.886 euros, do que o 58,7% asumiu o Concello. O aumento da aportación da Xunta ata 20 euros por hora, a redución dos tempos de valoración e un maior investimento por persoa dependente son algunhas das medidas que o BNG inclúe na moción.
Para o portavoz municipal, “é imprescindible que o Pleno do Concello se posicione en defensa do sistema público de atención á dependencia e esixa á Xunta un cambio radical nas súas políticas”.