A directora Lucía Álvarez continúa a afianzar o seu prestixio no panorama cinematográfico español coa boa acollida das súas dúas últimas películas, Amores Brujos e El Olvido.
A cineasta ourensá non só destaca pola calidade estética e narrativa das súas obras, senón tamén pola súa aposta decidida por un cinema accesible e comprometido coa memoria cultural.
Lucía Álvarez presenta Amores Brujos e El Olvido no OUFF 2025
O domingo 28, ás 19:30 horas, o Teatro Principal proxectará Amores Brujos, filme que leva máis de tres meses en cartel e que retrata a intensa unión artística entre Manuel de Falla e María Lejárraga, quen aparece interpretada pola propia Lucía Álvarez.

A película, rodada en espazos icónicos como o Museo do Prado, a Residencia de Estudantes ou o Teatro da Zarzuela, conta con guión do Premio Nacional José Ramón Fernández e coa colaboración do poeta Luis García Montero, voz de Federico García Lorca no filme.
Amores Brujos
Amores Brujos reúne a grandes figuras do flamenco actual, como Israel Fernández, Rocío Márquez, Cañizares, Patricia Guerrero ou Carmen París, e pasará á historia como a primeira película española 100% accesible, grazas a subtítulos para persoas xordas e audiodescrición para persoas cegas, avalada polo selo do CESyA.
El Olvido
Pero Álvarez non se detén aquí. O luns 29 presentará no Centro Cultural Marcos Valcárcel El Olvido, dentro da sección Made in Ou. Cun reparto encabezado por María Isasi e no que tamén destaca Marta Casado, a primeira actriz xorda que interpreta a unha personaxe oínte nunha produción española, a película aborda a misteriosa desaparición dunha recoñecida actriz a través da mirada da súa discípula. A música é creación do ourensán José Luis Troitiña, quen tamén asistirá á proxección.

Con estas dúas obras, Lucía Álvarez confirma a súa dobre vocación: recuperar a memoria cultural e ofrecer un cine inclusivo que abra as portas a novos públicos e a novas formas de representación.