O Concello de Barbadás iniciou as obras de reforma, recuperación e rehabilitación do Parque Lucinda, en Fonsillón, un espazo que ata o de agora tiña un uso residual.
O goberno local destina preto de 60.000 euros a esta intervención, que permitirá crear un espazo de lecer e convivencia para persoas de todas as idades.
Barbadás inviste 60.000 € na rehabilitación do Parque Lucinda
O proxecto, elaborado por un equipo especializado en deseño de espazos urbanos, arquitectónicos e de mobilidade, actúa sobre unha superficie de 982 metros cadrados, con forma rectangular e escalonada, organizada en tres niveis. Segundo o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, “o parque constará de tres zonas diferenciadas: unha inferior, destinada a merendeiro; a do medio, con parque infantil; e a superior, destinada ao deporte”.

Incluída no Plan de Obras do Concello para 2025, cun investimento global de 1,1 millóns de euros, a actuación busca non só ofrecer máis espazos deportivos á mocidade, senón tamén converterse nun punto de encontro interxeracional.
Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Obras, sinala que “será un lugar moi visitado polos mozos e mozas para a práctica deportiva e, sobre todo, apropiado para o intercambio xeracional, xa que pais, nais, avós e avoas, e nenos e nenas poderán desfrutar do parque infantil e das zonas de esparcemento”.
O Parque Lucinda suporá un pulo de vitalidade para Fonsillón. Esta é unha zona en expansión de Barbadás con moitas familias novas e actualmente sen espazos de lecer e convivencia. Valcárcel engadiu que “o parque ofrece unha das mellores vistas do noso Concello cara a Ourense”. Destacou tamén que a actuación enmarcase na aposta do goberno local por recuperar e rehabilitar espazos en situación de abandono.