O Concello de Barbadás, en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), está a realizar labores de tala, limpeza e eliminación de especies invasoras nas beiras e no leito do río dos Muíños ao seu paso pola Valenzá.
Os traballos teñen como obxectivo mellorar a seguridade e preservar o ecosistema fluvial desta contorna natural.
O Concello de Barbadás e a CHMS actúan na limpeza do río
A Concellería de Emerxencias detectou varias árbores con risco de caída na zona, polo que solicitou o apoio da CHMS. Esta entidade dispón dos medios técnicos necesarios para afrontar este tipo de intervencións.

Ademais da tala controlada, os operarios están a retirar residuos acumulados como bolsas, latas, bricks e mesmo cadeiras. O obxectivo é recuperar o bo estado ambiental do río.
O concelleiro de Emerxencias, Dani Rey, fixo un chamamento á cidadanía para manter limpo este espazo natural. “Por este lugar pasean milleiros de persoas que queren desfrutar da contorna nas mellores condicións posibles”, sinalou.
Paralelamente, o Concello procedeu á restauración da caseta dos patos no parque homónimo, unha vez recibido o visto bo da Hidrográfica, co obxectivo de facilitar a cría cando aumenta o caudal. Así mesmo, a Concellería de Emerxencias, en coordinación coa de Obras e Servizos, acometerá a reparación das esclusas dos azudes para regular o nivel da auga segundo as recomendacións da CHMS. Rey lembrou que a manipulación non autorizada destas estruturas pode ser sancionada.