Paquita e Nicanor, figuras centrais do Entroido de Seixalbo, simbolizan desde hai máis de 150 anos a identidade e a continuidade dunha das celebracións máis singulares de Seixalbo.
A tradición mantense viva xeración tras xeración grazas a un ritual cargado de simbolismo e memoria colectiva.
Paquita e Nicanor, alma do Entroido de Seixalbo
Cada Martes de Entroido, as vestimentas de Paquita e Nicanor son purificadas no lume, nun acto que representa a renovación da festa. As cabezas, pola súa banda, entréganse en custodia a unha parella do lugar, coa crenza popular de que os seus poderes protexen a descendencia ou, cando menos, aseguran a continuidade do Entroido.

Ao longo da súa historia, estas figuras sufriron múltiples avatares. Durante décadas tiveron que ser agochadas ano tras ano ante o temor á requisa institucional. Esta circunstancia non fixo máis que reforzar o seu valor simbólico para a veciñanza.
As figuras máis antigas conservadas están baixo a custodia da Asociación Veciñal de Seixalbo. Trátase dunha Paquita datada arredor de 1902 e dun Nicanor de mediados do século XX, que permanecen expostos todo o ano no local veciñal. Para a celebración do Entroido utilízanse dúas tallas posteriores, preservando así as pezas históricas.
Hai anos incorporouse á tradición un novo personaxe, Vicentiño, un pequeno que apareceu xunto a Paquita e que se atribúe popularmente a Nicanor, aínda que este extremo non está confirmado. Desde entón, Vicentiño forma parte da festa, ampliando o relato simbólico do Entroido seixalbés.

