Eventos

O Concello de Barbadás abre a inscrición nos Campamentos de Primavera 2026

O Concello de Barbadás vén de aprobar as bases reguladoras para participar nos Campamentos de Primavera 2026.

Esta é unha proposta lúdica dirixida á infancia do municipio que se desenvolverá os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril no Espazo Infantil da Valenzá.

O Concello de Barbadás abre a inscrición nos Campamentos de Primavera 2026

A iniciativa busca favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións de Semana Santa e, ao mesmo tempo, dinamizar a participación dos nenos e nenas con actividades adaptadas ás distintas idades. O programa inclúe traballos manuais, xogos, sesións de cine e saídas, entre outras propostas.

Horarios e prazas dispoñibles

O campamento celebrarase en horario de 8:30 a 14:00 h, cunha marxe para a recollida ata as 14:15 h. A organización oferta un total de 40 prazas, distribuídas en dous grupos:

  • 20 prazas para menores nacidos entre 2020 e 2022.
  • 20 prazas para menores nacidos entre 2014 e 2019.

Será imprescindible ter cumpridos os 3 anos antes do inicio da actividade e non ter acadado os 13 anos.

Prazo de inscrición e listaxes

O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto do 2 ao 9 de marzo de 2026, ambos inclusive. No caso de non cubrirse todas as prazas, o Concello poderá ampliar o período.

A listaxe provisional publicarase o 12 de marzo e a definitiva o 18 de marzo na web municipal. Se a demanda supera a oferta, priorizaranse as solicitudes de menores empadroados en Barbadás e aquelas nas que ambos proxenitores estean traballando no período solicitado. En situación de empate, aplicarase o criterio da letra “M”, segundo o sorteo oficial da Xunta de Galicia.

As persoas non admitidas integrarán unha lista de agarda, que se empregará para cubrir posibles vacantes.

Documentación e modalidades de inscrición

As solicitudes poderán tramitarse:

  • De forma telemática na sede electrónica municipal.
  • Presencialmente na Casa do Concello (Cimadevila, 1) ou nas oficinas da Valenzá (Rúa do Viso, 2), en horario de 8:30 a 14:30 h.
  • A través dos rexistros habilitados pola Lei 39/2015.

Deberá achegarse a documentación acreditativa da situación laboral dos proxenitores, así como aquela relativa á custodia ou condición de familia monoparental, cando proceda. O Concello advirte que calquera dato incorrecto suporá a baixa automática na actividade.

Actividade gratuíta e obrigatoriedade de asistencia

O campamento será totalmente gratuíto. A asistencia aos catro días resulta obrigatoria. Só se admitirán como xustificación válida de ausencia os partes médicos por enfermidade ou ingreso do menor ou dun familiar convivente, ademais de casos de forza maior debidamente valorados pola Concellería competente.

Inclusión de menores con discapacidade

Poderán participar menores cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, sempre que teñan capacidade de integración no grupo e non precisen axuda de terceira persoa segundo o certificado oficial.

Lugar de celebración

A actividade desenvolverase no Espazo Infantil do Parque da Solaina, na Valenzá, en horario de 8:30 a 14:00 h nas datas previstas.

O Concello de Barbadás abre a inscrición nos Campamentos de Primavera 2026

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.