Termatalia 2026 pechou en Expourense a súa 24ª edición tras reunir 3.000 visitantes e 50 expertos de dez países. Estes analizaron as novas tendencias do turismo de benestar e os retos do sector termal.
O VII Congreso Internacional sobre Auga abordou a evolución do concepto de benestar, que incorpora xa prevención, natureza, alimentación, actividade física, saúde mental e lonxevidade, ademais do descanso.
Termatalia 2026 analiza o futuro do turismo termal
A intelixencia artificial foi outro dos temas destacados. Juan Torres, de Microsoft, sinalou que pode axudar a personalizar servizos e mellorar a eficiencia dos centros termais, sen substituír a atención profesional nin o carácter humano do sector.

Durante a clausura entregáronse os premios da XXI Cata Internacional de Augas Minerais. Fontecelta gañou na categoría de mineralización débil, con Sousas como segundo premio. Agua Sana, Magma Original e Cabreiroá con gas recibiron tamén distincións nas súas respectivas categorías.
A Wellness & Medical Tourism World Association recoñeceu pola calidade dos seus servizos a Termas de São Pedro do Sul, de Portugal, e ao Grupo Caldaria, de España.
A feira contou con actividades como un taller de Yoga Wellness e unha cata de augas termais. O congreso reuniu 500 asistentes presenciais e participantes virtuais de varios países.

