Noticias

Fernández e Dorribo piden ao Concello reforzar a sanidade e recuperar o río

Os concelleiros non adscritos de Barbadás, Manuel Ángel Fernández e Luis Dorribo, levarán ao próximo Pleno dúas mocións para reforzar a atención sanitaria na Valenzá e impulsar a recuperación ambiental do río de Barbadás.

Na primeira iniciativa, os edís, exmembros do PP, instan á Xunta a crear unha praza estable de psicoloxía de atención primaria no Centro de Saúde da Valenzá, en liña cos obxectivos do Plan de Saúde Mental 2026-2030 do Sergas.

Fernández e Dorribo piden ao Concello reforzar a sanidade e recuperar o río

Tamén reclaman que o servizo de fisioterapia se preste diariamente e a elaboración dun informe técnico para estudar a ampliación ou adaptación das instalacións.

Outra das peticións pasa por converter o Centro de Saúde da Valenzá nun Servizo de Atención Primaria (SAP) propio, independente do SAP da Carballeira, para dotar o centro de maior autonomía organizativa e recursos.

Plan para recuperar o río

A segunda moción céntrase na situación do río de Barbadás ao seu paso polo Parque dos Patos. Fernández e Dorribo alertan da acumulación de maleza, lixo e especies invasoras na canle e nas marxes, unha situación que, segundo sinalan, afecta á capacidade hidráulica e ao uso público da contorna.

Os concelleiros propoñen instar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a elaborar un plan urxente de limpeza nun tramo de polo menos 1,5 quilómetros. Ademais, reclaman a colaboración municipal no control das especies invasoras, un proxecto de recuperación paisaxística con mobiliario sostible e sinalización ambiental, así como un calendario fixo de mantemento.

Fernández e Dorribo piden ao Concello reforzar a sanidade e recuperar o río

Como referencia, citan a actuación realizada no Concello de San Cibrao das Viñas para recuperar o regato de Pazos, en Reboredo.

Botón volver arriba