A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, chamou á mobilización electoral durante un encontro coa veciñanza de Coles, no que animou as persoas descontentas coa política a participar nas eleccións do 29 de novembro.
“Se queres que Ourense avance, non quedes na casa”, afirmou.
Noa Presas chama a mobilizar o voto do BNG o 29N
No acto, no que tamén participaron a portavoz municipal do BNG, Raquel Vázquez, e os candidatos Helena Añel e Marcos Blanco, Presas recoñeceu o desencanto de parte da cidadanía pola falta de resultados das forzas estatais, pero defendeu que existe unha alternativa para cambiar esta situación.

“Hai moita xente que está cansa de promesas e de ver como pasan os anos e Ourense segue agardando. O seu voto pode servir para conseguir algo diferente”, sinalou.
A candidata reivindicou o BNG como unha opción centrada nos intereses da provincia e sen dependencia das direccións estatais. Entre os seus obxectivos citou conseguir mellores servizos públicos, infraestruturas e oportunidades.
Presas tamén defendeu que lograr o primeiro escano nacionalista no Congreso por Ourense permitiría contar cunha representación propia para negociar melloras para o territorio. “É hora de que Ourense comece a gañar”, asegurou.
Finalmente, pediu o apoio das persoas que deixaron de votar ou que están decepcionadas coa política. “Cada voto conta. Este 29N podemos comezar a cambiar as cousas”, concluíu.

